Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus




Actividades Culturais

16/03/2017
Un achegamento á historia e cultura do Xapón
Dende hoxe, a Casa das Campás acolle dúas conferencias sobre a historia e cultura do Xapón

Un achegamento á historia e a cultura do Xapón, a través das verbas de dous expertos no país do sol nacente como son os profesores Javier Villalba e Carlos Rubio. Esta é a proposta que a Vicerreitoría do Campus e a sede da Fundación Xapón en España achegan o á Casa das Campás os días 16 e 21 de marzo. A pegada do budismo zen na cultura xaponesa e os “costumes galantes” do período Heian serán, respectivamente, os eixos temáticos destes dous relatorios programados para ás 20.00 horas e abertos a todo o público interesado.

Trátase, como explica Manuel Morquecho, responsable da Área de Extensión Cultural do Campus, da primeira colaboración entre a Vicerreitoría e esta institución dependente do goberno xaponés e destinada a promover o intercambio cultural, que conta con sedes en máis de 20 países. “É unha oportunidade para poder achegarse de primeira man a culturas que nos poden parecer tan distantes”, salienta Morquecho, que destaca as “moitas facilidades” brindadas pola Fundación Xapón para levar a cabo este ciclo de conferencias, así como a vontade “estudar no futuro se podemos ampliar esta colaboración”.

Do budismo ao amor e intimidade

As pegadas do Zen na cultura de Xapón é o título da conferencia coa que Villalba Fernández, especialista en historia da arte xaponesa, abrirá este ciclo o vindeiro xoves 16. Os cambios que a entrada do budismo impulsou na vida dos xaponeses e xaponesas e o papel que xogaron neste país as escolas do Zen, así como a súa influencia na arte e en diversos ámbitos culturais serán, como explica a Fundación Xapón, os temas centrais dunha conferencia impartida por un doutor en Xeografía e Historia pola Universidad Complutense de Madrid, que foi docente na Facultad de Artes da Universidad de Chile e no máster en Asia Oriental-Estudios Japoneses da Universidad de Salamanca.

Xa o martes 21, o especialista en literatura xaponesa e profesor da Complutense Carlos Rubio impartirá o relatorio Amor e intimidade na época de Heian, no que abordará, a través de textos literarios, “os costumes galantes” da corte dos séculos X e XI, “a curiosa mestura de depravación e decoro nas relacións entre homes e mulleres, a sorprendente actitude cara o nu, os usos cosméticos, o modelo de beleza, a política matrimonial, os extravagantes tabús ou o prestixio social das mulleres” nunha corte que constituíua a “quintaesencia do exotismo”, segundo destaca a fundación. Tradutor e divulgador da literatura xaponesa e autor de libros como Claves y textos de la literatura japonesa (2007), El Japón de Murakami (2012) ou El pájaro y la flor (2010), Rubio foi profesor na Universidad de Tokio entre 1985 e 1991 e o seu labor foi recoñecido en 2011 coa medalla ao Mérito Cultural do Goberno de Xapón e coa Orde do Sol Nacente da Casa Imperial en 2014.

Citas abertas a toda a cidadanía na Casa das Campás

Estas dúas conferencias súmanse, como lembra Morquecho, aos diferentes relatorios e actividades que se veñen desenvolvendo na sede da Vicerreitoría no marco dos Encontros nas Campás. Nesta iniciativa, promovida xunto co Programa para Maiores, insírese precisamente o relatorio sobre o cancioneiro popular galego que o vindeiro mércores 15, tamén ás 20.00 horas, impartirá o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero. Xa en abril, o xoves 27 esta actividade continuará coa conferencia A longa sombra de Casares na nosa xeración, na que a profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución Rexina Vega abordará a figura do escritor ao que se lle dedica neste 2017 o Día das Letras Galegas.

+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es