Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus




Actividades Culturais

29/03/2017
A Aula Tecnolóxica da Casa das Campás acolle en abril o curso Deseño dun e-portfolio
A Aula Tecnolóxica da Casa das Campás acolle en abril o curso Deseño dun e-portfolio

“A expresión do mellor traballo que unha persoa ten nun campo determinado” constitúe, como salienta o profesor da Facultade de Fisioterapia José Vicente Novegil, a esencia do portfolio, un documento que reúne a formación, experiencias e proxectos acumulados nun determinado eido e que pode servir como escaparate de competencias e habilidades tanto nun contexto profesional como académico. Achegarse ás múltiples posibilidades que a rede achega ao seu deseño é a base do curso que Novegil impartirá entre o 18 de abril e o 4 de maio na Aula Tecnolóxica das Casa das Campás e que entre o 4 e o 17 de abril manterá aberta a súa inscrición a través da plataforma Bubela.

Con matrícula gratuíta e aberto a un máximo de 20 persoas, esta actividade forma parte do programa formativo que a Vicerreitoría do campus impulsa na súa Aula Tecnolóxica neste segundo cuadrimestre, xunto con propostas como o curso Introdución ao retoque fotográfico con Adobe Photoshop, que mantén aberta a súa inscrición ata este xoves 30 e para ao que aínda existen prazas vacantes.

Un compendio de traballos, experiencias e reflexións

“A idea do portfolio vén do contexto da arte, onde os artistas incluían neles as súas obras, exposicións ou críticas por parte de terceiros”, explica Novegil dun documento que define como "un currículo enriquecido”. Por unha banda, porque nun contexto formativo permite amosar que un estudante adquiriu determinadas competencias, sumando aos méritos académicos mostras algúns deses mellores traballos, “que dan valor á súa formación e que non aparecen reflectidos nun currículo”, experiencias de aprendizaxe informal ou referencias ás prácticas realizadas, xunto cos comentarios dos seus titores e titoras. Pero tamén porque debe sumar a reflexión da persoa, “o porque se toman determinadas decisións”, o que fai del un instrumento “que tamén pode ser utilizado para avaliar un proceso nun contexto académico”, salienta o responsable da materia Metodoloxía e investigación estatística no grao en Fisioterapia.

Un proxecto con múltiples alternativas

A translación deste portfolio do papel ao mundo dixital permite incorporar a este unha maior variedade de materiais, “como o audio dunha determinada intervención, vídeos...”, o que suma “maior riqueza” a este escaparate académico e profesional, á vez que permite poñelo “a disposición dunha audiencia maior”, como explica Novegil, que incide nese senso na importancia que ten o destinatario ou destinataria á hora de articular dun determinado xeito a presentación de traballos e evidencias. 

Partindo destas premisas, este docente guiará ao alumnado deste curso de 12 horas na creación dos seus propios portfolios dixitais a través de diferentes programas, xa que "calquera ferramenta que permita editar é susceptible de ser un soporte para crear un”.Nese senso, máis aló de actividades como a realización do portfolio europeo de linguas, un modelo estándar creado pola Comisión Europea, o seu obxectivo é adaptar o curso ás necesidades e coñecementos do asistentes. “Quero que fagan un portfolio adaptado ao seu contexto persoal e o que vou propor son posibilidades”, salienta dunha actividade na que, nalgúns casos, optará por articular esta ferramenta a través dun sinxelo blog, noutros por “aproveitar os seus perfís en Linkedin como soporte base” ou por empregar ferramentas como Google Sites.


+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es