Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus




Actividades Culturais

22/01/2018
A través da lente


O uso da cámara como forma de expresión é o nexo de unión entre os cinco estudantes e egresados de Belas Artes presentes coas súas fotografías en A través da lente, a exposición colectiva comisariada por dous estudantes desta facultade, Paula García e David Abalo, que desde este martes pode visitarse na Casa das Campás. “Escollemos artistas que tratarán estilos e temáticas diferentes”, sinala García dunha exposición integrada por máis de 20 obras, que poderá visitarse na sede da Vicerreitoría do campus ata o vindeiro mércores 17.

Darlle visibilidade ao traballos que, nesta disciplina, desenvolven artistas formados nesta facultade foi nese senso un dos propósitos centrais da mostra que estes dous estudantes promoveron como un traballo para a materia Xestión, Ámbito Artístico e Mundo Cultural, que imparte Xosé Manuel Buxán. “A verdade é que ao principio foi estresante porque empezas desde cero, pero ao final atopas solucións e acabas aprendendo”, engade García Pleguezuelo da experiencia que lles supuxo articular unha mostra colectiva que este martes as 17.00 horas celebra a súa inauguración.

Cinco olladas a través da lente

Co propósito de adaptarse ás características da sala de exposicións da Casa das Campás, García e Abalo realizaron unha selección de obras “na que non hai series completas”, senón unha escolma de intereses e liñas de traballo. Así, A través da lente permite coñecer varias mostras do traballo de experimentación que Óliver Alonso desenvolve empregando o corpo como punto de partida, ao tempo que tamén reúne unha mostra das imaxes de espazos, tomadas en branco e negro por Pilar Picas.

Nesta exposición amósanse tamén varias das creacións coas que, no marco da súa serie Paranoia, a alumna Loreto Arnauz aborda ideas como o erro, o desorde ou o caos, principalmente a través do autorretrato. A exposición complétase coa obra Devagarinho, na que Cristina Garre busca transmitir “a calma que posúen os caracois ao pintar coa súa propia saliva siluetas abstractas nun cristal abafado”, xunto cunha fotografía que dá conta do interese de Iago Fontoira polos volumes e a escultura.

Eduardo Muñiz  Duvi



Documentos
ATRAVESDELALENTEDOSSIER-1.pdf

+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es