Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus




Actividades Culturais

09/03/2018
6 días, 6 poetas


Ángeles Mora, Premio Nacional da Crítica e Premio Nacional de Poesía; Eloy Sánchez Rosillo, tamén Premio Nacional da Crítica en Poesía; o tamén recoñecido con este galardón Miguel dOrs; Pedro Sevilla; José Cereijo e Amalia Bautista. Estes son as e os seis protagonistas da semana da poesía que a Vicerreitoría do campus promoverá na Casa das Campás entre o 5 e o 10 de marzo, seis días nos que a Casa das Campás acollerá unha serie de encontros nos que estes seis poetas recitarán algúns dos seus versos e protagonizán un coloquio. 6 días, 6 poetas é o título dunha iniciativa que, como explica o director da Área de Extensión Cultural do campus, Manuel Morquecho, busca complementar a oferta cultural da cidade poñendo o foco nunha disciplina “que ten unha menor proxección” a través de “seis poetas cunha ampla traxectoria”.

Con cinco encontros programados para as 19.30 horas, todos eles con entrada libre ata completar aforo, e unha sexta sesión o sábado ás 11.00 horas, a selección de participantes para esta primeira edición de 6 días, 6 poetas partiu, sinala Morquecho, “en primeiro termo de criterios de calidade”, para logo buscar tamén “a representantes de diferentes xeracións”, tarefa na que contou coa “colaboración e xenerosidade de Miguel d’Ors, que foi quen implicou á xente para participar”. Expertos académicos e representantes do tecido cultural e educativo encargaranse de presentar cada día aos e ás protagonistas dun ciclo no que, engade Morquecho, “non marcamos ningún guión, xa que non queríamos un formato ríxido cando estamos falando de creatividade”. Así, cada participante terá liberdade á hora de abordar os seus poemarios nunha iniciativa que busca “complementar a oferta cultural da cidade e a outra serie de iniciativas como pode ser Pontepoética”.

O programa

Esta semana da poesía arrincará o luns 5 coa cordobesa Ángeles Mora, que en 2015 obtivo, pola súa obra Ficciones para unha autobiografía, o Premio Nacional da Crítica, recoñecida ao ano seguinte co Premio Nacional de Poesía. Autora dunha decena de poemarios, na traxectoria de Mora, que será presentada polo crítico Ramón Rozas, figuran tamén recoñecementos como o Premio Rafael Alberti. Ao día seguinte, Xaime Toxo, presidente do Ateneo, será o encargado de introducir ao profesor e poeta murciano Eloy Sánchez Rosillo, autor de dez libros de poemas que lle valeron recoñecementos como o Premio Adonais en 1977 e o Premio Nacional da Crítica en 2005 e que neste 2018 reuníanse na antoloxía Las cosas como fueron. Poesía completa, 1974-2017.

O mércores chegará a quenda do gaditano Pedro Sevilla, autor que combina a poesía e a narrativa nunha traxectoria que iniciou en 1990 co poemario Y era la lluvia, amor, e na que obtivo recoñecementos como un accésit no Premio Internacional de Poesía Rafael Alberti en 1995. Sevilla será presentado polo catedrático de Literatura Española da Universidade de Vigo José Montero Reguera, mentres que o xoves corresponderalle a Fátima Cobas, profesora de lingua e literatura castelá no IES Valle-Inclán, introducir a Miguel dOrs. Natural de Santiago de Compostela, dOrs ten publicado unha vintena de poemarios e foi recoñecido en 1987 co Premio Nacional da Crítica, combinando así mesmo a súa faceta poética coa de investigador e profesor, durante 30 anos, na Universidad de Granada.

Xa o venres 9, o ciclo continuará con outro poeta de orixe galega, José Cereijo, natural de Redondela e residente en Madrid, autor de cinco libros de poesía, articulista e colaborador de diferentes medios de comunicación, que será presentado pola profesora de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade Carmen Becerra. Por último, na mañá do sábado pasará pola Casa das Campás Amalia Bautista, cuxos poemarios teñen sido traducidos a linguas como o italiano, o portugués , o ruso e o árabe, que será presentada polo profesor de Filoloxía Inglesa da Universidade Jorge L. Bueno.




Documentos
Flyer A5 6dias_6poetas.pdf

+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es