Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus




Actividades Culturais

16/03/2018
Programación e deseño web centran a oferta formativa da Aula Tecnolóxica


Un primeiro achegamento á linguaxe de programación JavaScript, a oportunidade de profundar no manexo da maquetación CSS, da que depende a presentación visual das páxinas web, e unha introdución ao potencial expresivo e artístico da programación e a linguaxe processing. Estes son os eixos dos tres cursos gratuítos de 12 horas que abren a programación formativa da Aula Tecnolóxica da Vicerreitoría do campus para este segundo cuadrimestre. Abertos a toda a cidadanía, estes tres talleres, que cubrirán as súas prazas por orde de inscrición, aberta desde esta semana na plataforma Bubela, veranse complementados á súa vez, no mes de maio, por un curso sobre recursos web no ensino.

Trátase de catro propostas que ben xa formaron parte en anos anteriores da programación da Aula Tecnolóxica da Casa das Campás ou ben “supoñen unha continuidade a cursos que funcionaron moi ben”, explica o responsable da Área de Extensión Cultural do campus, Manuel Morquecho, quen sinala que se trata de cursos que, “aínda que están abertos a todo o mundo, pensáronse para achegar uns coñecementos básicos que poden ser necesarios para o alumnado das diferentes titulacións á hora de traballar con recursos dixitais”.

Dúas propostas en abril

Este programa formativo abrirase do 4 ao 12 de abril con Introdución a JavaScript e programación web, un curso que dá continuidade a outros talleres sobre linguaxes de programación e que será impartido por Daniel Piñeiro Calvo, profesional que traballa desde hai máis dunha década no desenvolvemento de software. Coñecer os elementos básicos e posibilidades desta linguaxe de programación extensamente empregada para crear dinamismo nas páxinas web é o propósito central dun taller para o que, explica Piñeiro, “non é necesario ter ningún coñecemento previo” sobre esta linguaxe.

Tamén dando continuidade a talleres previos sobre maquetación CSS (Cascade Style Sheets), o 6 de abril dará comezo o curso Estratexias avanzadas de CSS. Arquitectura e boas prácticas, no que o deseñador gráfico Alberto García Ariza buscará achegar ao alumnado a mecanismos profesionais e boas prácticas de maquetación CSS, linguaxe responsable da presentación visual das webs. “Este curso é distinto aos anteriores, que foron sempre unha pequena introdución”, explica o responsable dun taller “orientado a perfeccionar as técnicas de CSS de cara a cosneguir proxectos escalables e sostibles no tempo”. De aí que neste caso sexan necesarios coñecementos previos tanto desta linguaxe como de HTML para poder aproveitar unha formación que porá o foco nesas boas prácticas “que non son moi coñecidas”, pero que son necesarias para mellorar a calidade de “proxectos de certo tamaño ou de certa duración no tempo”.

E outras dúas en maio

García Ariza será tamén o responsable, entre o 4 e o 25 de maio, dunha nova edición de Introdución ao Creative Coding con Processing, un taller que busca afondar no uso da programación “con fins de expresión, xa sexa artística, musical, de deseño...”, a través de Processing, “unha linguaxe especialmente deseñada para este fin”. Nese senso, García Ariza subliña que, aínda que abordado “desde un punto de vista e cunha finalidade expresiva”, o eixo do curso son “as bases da programación informática”, polo que pode resultar de interese para diferentes perfís de alumnado, máis aló do interesado na produción artística.

A estas tres propostas, sumarase entre o 21 de maio e o 11 de xuño unha nova edición do taller Iniciación a recursos web para a educación, que impartirá Isaac Gómez, e que terá como eixo afondar na importancia das tecnoloxías da información e a comunicación no eido educativo, así como a identificación de ferramentas web que poidan resultar de utilidade neste eido.

+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es