Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus




Actividades Culturais

15/06/2018
Pierrot le fou


Juan-Luc Godard (París 1930)

Procedente dunha importante familia franco-suíza pasa a súa infancia entre os dous países. Estudou etnoloxía na Sorbona mentres frecuentaba os cineclubes do Barrio Latino e as sesións de cinema na Cinemateca. Fundou A Gazzette du Cinéma en 1950 (no segundo número desta revista aparece o seu primeiro artigo asinado baixo o pseudónimo de Hans Lucas. Un nome que durante a súa primeira etapa como crítico alternará co seu nome propio), colaborou en Les Amis du Cinéma e a partir de 1952 comezou a escribir en Cahiers du Cinéma. 

Forma parte do núcleo duro da Nouvelle Vague para logo desmarcarse e fundar xunto a Jean-Pierre Gorin o colectivo Dziga Vertov en honra ao soado cineasta soviético que propiciou a teoría do “Cinema-Ollo”. 

Escritor, crítico, cineasta que incansablemente experimenta coa linguaxe cinematográfica, admirador das películas americanas de serie B (como ben se reflicte na súa primeira longametraxe: Ao final da escapada [À Bout de Souffle, 1960]) e activista político creouse a se mesmo unha imaxe de "enfant terrible" do cinema francés. 

Oculto sempre tras as súas lentes de cor escura atópase un prolífico realizador que non cesa de revolucionar o cinema francés reflexionando nas súas películas sobre a unión das diferentes artes e as distintas maneiras de mostrar a realidade do seu tempo.

 

Ficha Técnica

Título: Pierrot o tolo (Pierrot le fou, 1965)

Sinopse: Ferdinand, alias Pierrot, foxe de París xunto a Marianne. Pero esta fuxida de namorados convértese nunha fuxida dunha banda de gansters na que Marianne está implicada...

Director: Jean-Luc Godard.

Axudante de dirección: Philippe Fourastié, Bernard ToublancMichel, Alexis Poliakoff, Jean-Pierre Leaud.

Script: Suzanne Schiffman

Guión: Jean-Luc Godard a partir da novela Obsesión de Lional White.

Director de fotografía: Raoul Coutard

Maquillaxe: Jackie Reynal

Diseñadora de vestiario: GItt Magrini

Montaxe: Françoise Collin Son: René Levert, Georges Liron Duración: 112 m.

Música orixinal: Boris Bassiak, Antoine Duhamel

Producción: Dino De Laurentis, Georges de Beauregard, Rome-paris Films

Intérpretes: Jean-Paul Belmondo, Anna Karina, Raymond Devos, Dirk Sanders, Graziella Galvani

Sobre o filme:

O título remite a dous personaxes: o famoso maleante Pierre Loutrel e Pierrot o personaxe da commedia dellarte. Esta dualidade marca o inicio dunha película na que o desdobramento é un dos temas principais (a dualidade de Ferdinand, a escapada romántica dos amantes ou a fuxida, a vida ordinaria ou a soñada, a linguaxe publicitaria e a linguaxe poética, o home e a muller, o vermello e o azul).

Pode considerarse a Pierrot o tolo como o filme que pecha a primeira etapa cinematográfica de J- L. Godard. Sen dúbida esta obra sinala un cambio de rumbo. Nos seus seguintes traballos Godard cambia de equipo de traballo e de actores. Segundo conta o biógrafo de Jean-Paul Belmondo, Godard propúxolle encarnar o papel protagonista xa que o actor contaba cun estatus de estrela e isto axudaría o cineasta a conseguir o diñeiro necesario para facer ao película.

O que o realizador propón nesta película non é máis que unha reconsideración de todos os temas que tratara ata o momento. Unha parte da campaña de publicidade anunciaba a obra como "un soldadiño que descobre, con desprezo, que un debe vivir a súa vida, que unha muller é unha muller e que nun mundo novo un ha de vivir como un marxinado para non atoparse ao final da escapada". 

Este filme é tamén unha volta á cor e ao scope sobre unha posta en escena que emana unha enorme sensación de liberdade, e na que o director xoga constantemente cos contrastes cromáticos e as texturas da imaxe. Os protagonistas parten dunha narración clásica ata a abstracción e o mito mentres percorren as película unha infinidade de referencias pictóricas, cinematográficas e literarias.

Agora a violencia é moito máis brutal e a morte está máis omnipresente que nas súas películas anteriores. Cando a súa irmá Rachel viu a película en Xenebra, durante unha proxección privada, quedou aterrorizada xa que ela vía cada filme do seu irmán como unha mensaxe persoal e neste caso estaba claro que a mensaxe do filme era o suicidio.

Godard ofrece un contexto social local e mundial xa que as referencias á guerra de Vietnam e ao terceiro mundo non farán máis que empezar.

 Cando se estreou prohibiuse a menores de 18 anos polo seu "anarquismo intelectual e moral". A pesar disto viron a película ao redor de 298.600 espectadores.

Pierrot o tolo non só é unha recompilación da filmografía de Godard ata o momento, anuncia tamén a preocupacións existenciais e estéticas que están por chegar

 

Filmografía recomendada 

Ó final da escapada (À Bout de Souffle, 1960),  O Soldadiño (Le Perit Soldat, 1960), 

Unha muller é unha muller (Une Femme est une Femme, 1961), O desprecio (Le Mépris, 1963), Banda Aparte (Bande à part, 1964), A muller casada ( Une femme mariée, 1964), Lemmy contra Alphaville (Alphaville, 1965), Masculin Femenin (1966), Dúas ou tres cousas que eu sei de ela (Deux ou trois choses que je sais d’elle, 1966), A China (La Chinoise, 1967), Lotte en Italia (1969),  Todo vai ben (Tout va bien, 1972), Que se salve quen poida [a vida] (Sauve qui peut [La vie], 1979), Paixón (Passion, 1982), Eu saúdoche Maria ( Je vous salue Maarie, 1983), Grandeza e decadencia do pequeno comercio do cinema (Grandeur et décadence d’un petit commercec du cinéma, 1986),  Nova Ola (Nouvelle Vague, 1990), Histoire(s) du Cinéma (1988-1998), Eloxio do amor (Éloge de l’amour, 2001), Nosa Música (Notre Musique, 2004), Film Socialisme (2010) Adeus à linguaxe (Adieu au langage, 2014).

Bibliografía seleccionada

-Braoucourt, Guy: “Pierrot le Fou ou les héros de Jean-Luc Godard”, Etudes cinématographiques nº 27, 1967, p.101-112.

-Comolli, Jean-Louis; Delahaye, Michel; Fieschi, Jean-André; Guégan, Gerard: “Parlons de Pierrot”, Cahiers du Cinéma nº 171, octobre 1965, ,p. 18-35.

-Didi-Hubermann, Georges: Pasados citados por Jean-Luc Godard. Santander: Contracampo Libros, 2017.

-Fieschi, ean-André: “Faible sur Pierrot”, Cahiers du Cinéma nº 171, octobre 1965, p.3537,

-Frodon, Jean-Michel : Le cinéma français. De la Nouvelle Vague à nous jours. Paris : Cahiers du Cinéma, 2010.

-Godard, Jean-Luc: Jean-Luc Godard par Jean-Luc Godard. Paris: Cahiers du Cinéma, 1998

-Godard, Jean-Luc: Pensar entre imágenes; conversaciones, entrevistas, presentaciones y otros fragmentos. Barcelona: Intermedio, 2010.

-MacCabe, Colin: Godard. Barcelona: Seix Barral, 2005.

-Sciema-Heard, Céline: Histoire(s) du cinéma  de Jean-Luc Godard: la force d’un art.

Paris: L’Harmattan, ,2006

-Wiazemsky, Anne: Un año ajetreado. Barcelona: Anagrama, 2013.

-Wiazemsky, Anne: Un an après. France: Gallimard, 2015.

 


+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es