Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus




Actividades Culturais

29/06/2018
Fahrenheit 451


FRANÇOIS TRUFFAUT

Fahrenheit 451 (Un día de fiesta, 1966)

Esta é a razón pola que son o home máis feliz do mundo: realizo os meus soños e páganme por iso, son director de cinema..

Facer unha película é mellorar a vida, arranxala ao noso modo, é prolongar os xogos da infancia, construír un obxecto que é á vez xoguete inédito e un vaso no que colocaremos, coma se fose un ramo de flores, as ideas que temos actualmente ou de forma permanente. A nosa mellor película é quizá aquela en a que logramos expresar ao mesmo tempo, voluntariamente ou non, as nosas ideas sobre a vida e o cinema”.

 

François Truffaut (París 1932-1984)

Cineasta e crítico imprescindible foi un dos alicerces fundamentais da Nouvelle Vague. Home apaixonado polo cinema desde moi novo. Fixo da súa propia vida, mesmo dos detalles máis pequenos, unha fonte de inspiración para as súas obras cinematográficas. Esta autobiografía fílmica móstrase mesmo nas súas adaptacións cinematográficas. Fillo de pai descoñecido non pasou unha infancia e mocidade fáciles. Pequenos delitos, intento de suicidio tras o seu primeiro desengano amoroso, deserción militar e unha curta estancia en prisión foron os feitos que marcaron este período. "Adoptado" por André Bazin atopou nel un estilo de vida. 

Foi o máis severo dos críticos, primeiro desde a revista Arts e logo desde a revista dos novos cineastas: Cahiers du Cinéma. Encarnaba a cinefilia coas súas admiración polos grandes mestres. Nos seus artigos enxalzaba o cinema americano e opoñíase fortemente ao cinema francés "de qualité", destaca o seu artigo "Una certa tendencia do cinema francés".

Truffaut era independente, apaixoado, intelixente e autodidacta. As súas películas están repletas de personaxes femininos fortes e sedutores. Foi o mellor realizador que soubo traballar con nenos. Cada un dos seus traballos está repleto de sensualidade, unha mestura de alegría e melancolía e unha posta en escena innovadora e chea de saber facer. 

As súas películas contaron co apoio do público e crítica en Francia e o estranxeiro. Ademais realizou diferentes traballos en distintas rodaxes como produtor, argumentista e actor. Esta última faceta é a que lle levou a traballar el mesmo nas súas propias películas (O pequeno salvaxe, A noite americano ou A habitación verde) chegando mesmo a protagonizar o famoso filme de Steven Spielberg: Encontros na terceira fase ( Close Enconters of the thierd Kind, 1977). 

O seu temperán falecemento con tan só 52 anos conmocionou ao mundo cinematográfico deixando un baleiro que nunca se enchería xamais e a certeza de que era un cineasta ao que quedaba moito por dar. Como escribiu Rohmer a modo de homenaxe: "a vida era a pantalla" ( Cahiers du Cinéma nº especial , decembro 1984, p.17)

Sobre o filme

Foi uns dos filmes máis difíciles de realizar para Truffaut. Arrastra un período de preparación longo e custoso con innumerables problemas de produción e de casting. François Truffaut xa adquirira os dereitos da novela de Bradbury en 1962 e nese momento o escritor rexeitou traballar co cineasta xa que pensaba que despois de realizar unha adaptación teatral pouco máis podía achegar. Truffaut pensaba para este proxecto nunha produción franco-americana rodada en francés pero finalmente o filme levou a cabo anos máis tarde baixo unha coprodución inglesa. 

A rodaxe levouse a cabo en Gran Bretaña nos estudo Pinewood, así que pasa a ser unha película de fala inglesa, feito que desgusta a Truffaut. De feito, o realizador non volverá rodar en inglés. 

Temos acceso ás vicisitudes da rodaxe deste filme grazas a que en 1966 Jean-Louis Comolli, redactor xefe de Cahiers de Cinéma proponlle a Truffaut levar a cabo un diario de rodaxe sobre a película que se publicará en varios números da revista. É un diario minucioso no que Truffaut non escribe tan só de Fahrenheit, tamén ofrece reflexións xerais sobre a profesión de cineasta. 

Ambientada nun futuro e nun lugar indeterminado a primeira ollada parece que estamos ante unha película de ciencia ficción. Pero o relato de Bradbury é moito máis para o cineasta. Para F. Truffaut reflicte o seu amor polos libros así como a importancia que para el tiña a lectura. Unha obsesión que lle acompaña desde neno e reflicte na súa filmografía. É frecuente ver aos seus personaxes lendo os libros que a el marcábanlle ou a través de varias adaptacións literarias (As dúas inglesas e o amor, O pequeno salvaxe, Diario íntimo de Adele H...) 

En realidade esta película ten pouco de futurista. O coche dos bombeiros parece sacado das primeiras películas mudas, os uniformes destes encargados de acabar cos libros parecen sacados dos uniformes nazis (Truffaut declarou en varias ocasións que sentiu arrepiado pola queima de libros por parte dos axentes nazis) e a música de Bernard Herrmann é clásica baixo expreso desexo do director. A única escena que se pode considerar futurista é a da policía voadora. 

A pesar de que Truffaut só queda satisfeito dunhas cantas secuencias, sobre todo a da queima dos libros, e de que a súa película de Truffaut que tivo peor acollida. Bradbury quedou gratamente sorprendido e escribiu: "Truffaut regaloume unha nova forma artística da miña obra preservando o espírito do orixinal. Estoulle profundamente agradecido". O certo é que os personaxes carecen da psicoloxía da que os afai a dotar Truffaut pero o resultado é fascinante, cunha opcións artísticas realmente acertadas (Julie Christie encarna os dous personaxes femininos principais e totalmente opostos). 

Fahrenheit 451 é un conto filosófico sobre unha sociedade totalitaria, é o relato dunha conversión e a posta en escena dunha noción fascinante: os "homes-libro". Unha noción que podería aplicárselle ao propio François Truffaut quen dixo sobre as adaptacións literarias: “O único tipo de adaptación válida é a do director, é dicir, a que se basea na reconversión das ideas literarias en termos da posta en escena”



+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es