Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus




Convocatorias

06/02/2017
A Aula Tecnolóxica acolle cinco novos cursos
A Aula Tecnolóxica inaugura cinco novos cursos centrados no ámbito da edición dixital

O pasado venres, Manuel Morquecho, responsable da Área de Extensión Cultural do Campus de Pontevedra, anunciou cinco novos cursos que se celebrarán na Aula Tecnolóxica da Casa das Campás entre os meses de marzo, abril e maio.

"As novas xeracións son nativos dixitais, pero non todos coñecen ben todos os programas que se manexan". Así explica Manuel Morquecho, responsable da Área de Extensión Cultural do campus de Pontevedra, o obxectivo dos cinco novos cursos. Nesta ocasión a temática foi elixida "despois de falar coa comunidade universitaria" e ver que materias serían máis relevantes para completar o currículo académico. "Co cambio ao Plan Boloña perdéronse moitas horas prácticas e tratamos de suplir esas carencias tanto para os que queren pulir o que saben como para os que queren complementar a súa formación", asegurou Morquecho.

O arranque, o 3 de marzo

O profesor Alberto García Ariza será o encargado de impartir dous dos cursos que haberá este cuadrimestre. Por un lado, o de Deseño de páxinas web responsive ou adaptable, unha filosofía de deseño e desenvolvemento que ten por obxectivo adaptar a aparencia das páxinas ao dispositivo que se estea a empregar para visitalas. O curso ser desenvolverá os días 3, 10, 17 e 24 de marzo en catro sesións de tres horas cada unha. García Ariza tamén será o docente do curso de Introdución ao tratamento de imaxes con Photoshop, impartido o 31 de marzo e o 7, 21 e 28 de abril.

Por outra banda, o docente da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación José Vicente Novegil impartirá un taller sobre Deseño de portfolio electrónico, unha sorte de dossier co traballo profesional de cada un que cada vez é máis frecuente ver adxunto aos curriculums e que é imprescindible nalgunhas profesións. Serán seis sesións de dúas horas os días 18, 20, 25 e 27 de abril e o 2 e 4 de maio, de 17 a 19 horas.

Aínda con data por determinar está o curso sobre Deseño e retoque de imaxe con software libre, a cargo do profesor Luis Emilio Fernández Santiago e que se distribuirá en catro sesións de tres horas. O último curso, tamén con data a fixar nos vindeiros días, será impartido por Alfonso Merino e versará sobre a Edición de vídeo con DaVinci, un editor profesional gratuíto para cineastas e amantes das gravacións.

Aberto ao público xeral

Cada curso constará dun total de 12 horas, contará cun límite de 20 prazas e estará aberto tanto á comunidade universitaria como a sociedade en xeral. O prazo de inscrición, a través da plataforma Bubela, abrirase nos próximos días. "A través destas iniciativas apoiamos a formación tanto para aquelas persoas que o precisen para a súa carreira profesional como para as que queiran completar coñecementos", salienta Morquecho, quen ten clara "a obriga do campus de Pontevedra de transmitir os seus coñecementos ao público xeral e a interaccionar coa cidadanía tanto en cursos ou obradoiros como en actividades culturais"



+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es