Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus




Convocatorias

24/02/2017
O Campus homenaxea a Rosalía
A Biblioteca Central sumouse aos actos co gallo do 180 aniversario da súa morte

Con caretas de Rosalía nas súas mans, estudantes, docentes e persoal de administración e servizos do campus ficaron este mediodía inmóbiles durante uns segundos na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación para sumarse ao mannequin challenge, a gravación dun vídeo no que todas as persoas aparecen detidas, co que a Biblioteca Central do campus pechaba o acto co que nesta xornada rendía homenaxe a Rosalía de Castro. Co gallo da conmemoración, este venres 24, do 180 aniversario do seu nacemento, o campus acolleu este mediodía un acto no que o presidente da Fundación Rosalía de Castro e profesor da Universidade de Vigo Anxo Angueira lembraba que “hai 180 anos naceu unha ilusión, unha esperanza e un novo horizonte que hoxe están tal vez máis vivos ca nunca”.

“Son a esperanza, a ilusión e máis o horizonte dunha Galicia digna e libre, que respecte a súa propia lingua e cultura”, engadiu Angueira na apertura dun acto no que, da man da profesora Ana Fernández Soneira, un grupo de alumnos e alumnas dos graos en Comunicación Audiovisual e Educación Primaria renderon homenaxe á poetisa recitando os versos de Adios rios, adios fontes, Unha voda na aldea ou o Repoludo gaiteiro. Versos que a súa vez se intercalaron coa proxección dunha serie de vídeos, elaborados tamén polo grupo de preto de 40 estudantes que da man de Fernández Soneira se sumaron a esta homenaxe, e nos que abordaban a traxectoria biográfica de Rosalía e a súa obra literaria.

De aí que a directora da biblioteca, Laura González, salientase o acto co que o campus se sumaba á homenaxe a unha figura “que todos levamos no corazón desde nenos” impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) como “a suma de moita xente e moitas ideas”, como os profesores Daniel Martí e Benigno Fernández ou o titulado en Belas Artes Aarón Fernández, quen deseñou as caretas para este acto.

“Galicia necesita moitos tolos e tolas como Rosalía”, engadiu nesta homenaxe o decano de Ciencias Sociais e da Comunicación Xosé Baamonde, quen recitou uns versos dun poema que Curros Enríquez dedicou a unha escritora “patrimonio da humanidade”, antes de reivindicar o uso do galego “en todas as facetas da vida”.

Do pousadoiro fotográfico ao desafío dos manequíns

Xunto ao recitado de poemas e proxección de vídeos, o acto completouse coa instalación ás portas da biblioteca dun pousadoiro fotográfico no que se convidaba aos asistentes a retratarse co lema #RosalíaTe, co propósito de achegar tamén esta homenaxe ás redes sociais. E nas redes sociais poderá verse tamén o vídeo que os estudantes Miguel Ángel González, Pedro Vilas e Cristina Yáñez realizaron para dar resposta a ese desafío dos manequíns co que, como explica o técnico da biblioteca Héctor Castro, a AELG convidaba aos centros educativos a conmemorar o Día de Rosalía.

Deste xeito, Pontevedra sumábase nesta xornada aos actos de homenaxe que se desenvolven nos tres campus na Universidade e que arrincaron este martes co recital que Aldaolado ofreceu na Facultade de Filoloxía e Tradución e se completan este venres, no propio Día de Rosalía, na biblioteca universitaria do campus de Ourense.

+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es