Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus




Convocatorias

07/03/2017
O profesor Didier Díaz dirixe un taller de ecopercusión
Bidóns, cubos, botellas... a creación musical tamén é sustentable

“Todo o que soa cando se golpea é un instrumento de percusión”. Con esta frase exemplifica o músico Didier Díaz a infinidade de elementos que poden ser empregados como instrumentos musicais. Sen ir máis lonxe, elementos como bidóns, cubos de pintura, botellas ou latas de conserva que son o material co que un grupo de preto de 25 alumnos e alumnas aprende con este instrumentista a facer unha batukada con elementos reciclados, da man do taller de Ecopercusión que a Vicerreitoría promove, dentro do proxecto Green Campus, xunto co coro do campus de Pontevedra.

Graduado pola Escuela Profesional de Música José White de Camagüey (Cuba), Díaz vén desenvolvendo, xunto cun grupo de profesores, unha serie de talleres de percusión con materiais reciclados como actividade extraescolar para nenos e nenas de diferentes niveis. “Levamos ano e medio con este proxecto e a valoración que temos é moi positiva, traballamos con preto de 150 rapaces aos que amosamos como con bidóns ou cubos poden chegar a montarse unhas batukadas tremendas”, salienta o responsable do taller que, nas xornadas de luns e xoves, se desenvolve na Escola de Enxeñaría Forestal. Nese senso, un dos obxectivos desta actividade, á que asisten principalmente estudantes dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria, é amosarlles como facer dunha iniciativa como esta unha ferramenta didáctica que empregar no seu futuro profesional. “Primeiro, permíteche concienciar aos nenos da importancia da reciclaxe e logo implica tamén un traballo de manualidades e de plástica”, salienta Díaz duns talleres nos que cada neno e nena ten que pintar e decorar o seu propio cubo, "que debe ser reciclado, non comprado", de tal xeito que "créase un vínculo co instrumento", ao tempo que traballan tamén a súa coordinación a través da percusión.

“A mellor maneira de ensinar é saber primeiro tocar o instrumento”, salientou Díaz na presentación deste taller, na que estivo acompañado polo responsable de Extensión Cultural do campus, Manuel Morquecho, e polo director do coro e profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Marco Lucato. De aí que a clase arrincase facendo soar unha serie de cubos de pintura que este músico recoñece “un gran descubrimento, xa que son moi resistentes e soan moi ben”. Tras estes, chegará o tempo de facer soar cunhas baquetas feitas con paus de vasoira unha serie de bidóns de maiores dimensións, converter en maracas unhas botellas de plástico recheas de fabas ou facer de latas de conservas instrumentos de metal. 

“A idea deste taller é que a música servise como fío condutor dunha proposta multidisciplinar”, engade Morquecho dunha iniciativa que, por unha banda, buscar pór de relevo a importancia da reciclaxe, no marco do proxecto Green Campus, e por outra a aposta do campus pola música, con iniciativas como o obradoiro de Interpretación de instrumentos populares galegos ou coro que dirixe Lucato, aberto á participación tanto de alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos como de persoas alleas á comunidade universitaria. Un coro que, salienta o seu responsable, permanece aberto á incorporación de novas voces ata finais deste mes de marzo, para o que só será preciso achegarse polos ensaios que desenvolven cada martes e xoves a partires das 18.00 horas en Ciencias da Educación e do Deporte.


+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es