Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus




Convocatorias

14/03/2017
A Escola Infantil do Campus abre o seu prazo de inscrición
Dende o pasado xoves poden presentarse as solicitudes de novas prazas

Deste xoves e ata o vindeiro luns 10 de abril permanecerá aberto o prazo de presentación de solicitudes para entrar a formar parte do centro máis novo do campus. A Escola Infantil, que conta cunha porcentaxe de prazas reservada para os integrantes da comunidade universitaria, disporá o vindeiro curso 2017/2018 dun total de 61 prazas, divididas en catro aulas, das que inicialmente 27 corresponderán a alumnado de novo ingreso, aínda que esta cifra podería verse incrementada se algún dos nenos e nenas que acoden no presente curso ao centro non solicitase, tamén neste mesmo período, a renovación da súa praza, como explica a directora en funcións, Elena Ortigueira.

As familias interesadas poden xa desde esta xornada acudir ao centro a recoller o formulario, que poden atopar tamén na web do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que deberán entregar, xunto coa documentación requirida no centro que sexa a súa preferencia. “Nel deben indicar o horario da súa preferencia, sexa tanto de media xornada como de xornada completa”, explica Ortigueira, que explica en que o horario proposto para o centro no vindeiro curso é de 7.30 a 20.00 horas. A escola, engade a súa directora en funcións, conta “cunha porcentaxe reservada aos fillos e fillas de profesores estudantes e persoal da universidade”, que, no caso de non completarse, sumarían as súas vacantes as prazas da cota xeral, aberta a todas as persoas empadroadas en Pontevedra, e que que serán asignadas seguindo os baremos fixados pola administración autonómica.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o 9 de maio procederase á publicación das listas provisionais e definitivas de alumnado admitido, así como da lista da agarda. Trala apertura dun período de reclamacións, a listaxe definitiva poderá consultarse o 31 de maio e a matrícula deberá formalizarse entre o 1 e o 12 de xuño.

27 prazas para novo ingreso

“Nestes días estamos entregando tamén os formularios para a renovación de prazas”, explica Ortigueira, que apunta que, de continuar todos os cativos e cativas que non rematan ciclo no presente curso, o centro disporía o vindeiro curso de 7 vacantes na súa aula de 0 a 1 anos, 6 prazas na de 1-2 e 14 nas de 2-3, debendo reservarse en cada una delas unha vacante para situacións de emerxencia social. Deste xeito, o centro contaría o vindeiro curso con 7 alumnos na súa aula de bebés, 12 na de 1 a 2 anos e 39 divididos nas dúas aulas de 2 a 3 anos.

+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es