Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus




Convocatorias

14/03/2017
Arranca o festival We Are Ads
A Facultade de Ciencias Sociais acolle ata o 16 de marzo o festival We Are Ads

Nado hai tres anos co propósito de servir de plataforma para dar visibilidade aos traballos que realiza o alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación ao longo da súa etapa formativa, o primeiro festival universitario de publicidade e comunicación de Galicia, We Are Ads, celebrará entre o 13 e o 16 de marzo a súa terceira edición. Farao cunha serie de talleres e coloquios na propia facultade e na Casa das Campás e coa gala de entrega de premios que neste 2017 se traslada ao Teatro Principal. “O noso obxectivo principal este ano era achegarse máis a cidade e buscar que máis xente allea á Universidade coñeza o festival para que siga crecendo”, salienta Nicolás Pérez, presidente da asociación de estudantes responsable da organización dun evento que nesta edición suma o apoio da Concellería de Promoción da Cidade.

Os responsables de We Are Ads foron recibidos este xoves polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, antes de dar conta en rolda de prensa das actividades que integran o programa dun festival promovido por un grupo de preto de 20 estudantes de Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual, que conta tamén coa colaboración da facultade, delegación de alumnado e Vicerreitoría do campus.

Preto de cen traballos a concurso

Aberto á participación de todo o alumnado da Universidade, preto dun cento de traballos presentáronse á terceira edición deste certame, que sumou novas categorías co propósito de “abrir un pouco máis a participación”, como explica Raquel García, vicepresidenta da asociación organizadora. De feito, xunto a estudantes de CCSS e da Comunicación, alumnos de Belas Artes ou Ciencias da Educación e do Deporte figuran entre os concorrentes a un certame que mantivo as categorías de identidade corporativa, gráfica publicitaria, cuña, video/spot comercial, ventá virtual, trailer/teaser, curtametraxe, stop-motion, acción solidaria e ventá virtual, estas dúas últimas declaradas desertas. Xunto a estas modalidades, optouse por dividir a categoría de fotografía en dous apartados, para imaxes publicitarias e series de temática libre, e incorporar as categorías de relato curto e ilustración vinculada á temática do feminismo e a muller, co apoio da Unidade de Igualdade.

A estas modalidades súmase o gran premio do xurado, integrado polas responsables da empresa de organización de eventos Elefantes de Cacharrería, a profesora e deseñadora Ana Seoane, a deseñadora gráfica Jessica Cidrás e os profesores da facultade Miguel Anxo Fernández e Fortunato Rodríguez; e premio do público, que determinarán as votacións que se realicen o vindeiro martes e mércores na Casa das Campás, onde permanecerán expostos os traballos finalistas.

Catro días de actividade

“Este ano optamos por dedicar cada día a unha área diferente”, salienta García Bragado do programa de coloquios, abertos ao público, e talleres para o alumnado, que precisan de inscrición previa, que dará comezo o vindeiro luns cos os coloquios sobre organización de eventos das responsables de Elefantes de Cacharrería e da egresada Micaela Campanini, xunto cun taller de composición e linguaxe visual a cargo do blogueiro Jota Barros. O martes, dedicado ao deseño gráfico, abrirase cos encontros cos responsables dos estudios Boh e Bombo Estudio e continuará ás 16.00 horas co taller de lettering que impartirá Iván Caiña. O programa do mércores abrangue o relatorio A creación audiovisual. Camiño individual e colectivo, da realizadora e ex-alumna Lucía Estévez, e o coloquio Fotoxornalismo... e máis alá, no que participarán Beatriz Ciscar e Alba Sotelo, xunto co taller sobre edición con DaVinci que Alfonso Merino impartirá na Casa das Campás.

Por último, o xoves 16 terá lugar a presentación do libro O derradeiro bafo, un proxecto que levou a alumnos e ex-alumnos a fotografar diferentes aldeas galegas de menos de dez habitantes, xunto cun un coloquio cos responsables da firma téxtl Blue Lion, unha das iniciativas seleccionadas en 2016 nos premios Incuvi-Emprende, e a presentación de Subterráneos Cinema, un colectivo de realizadores e realizadoras impulsado por alumnado da facultade. O broche a esta xornada porao a Gala WAA, programada para as 20.30 horas, cun prezo de entrada de 1,5 euros. O evento será presentado por Tania Veiras e Manuel Liste e contará con “creacións audiovisuais en directo” e a actuación musical de Lorena Osorio.

+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es