Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus




Convocatorias

23/03/2017
O Campus acolle os días 19 e 20 de abril unhas xornadas internacionais de comunicación institucional
As VI Xornadas Internacionais de Comunicación Institucional e Imaxe Pública - XVII Curso Complementario de Comunicación e Protocolo, desenvolverase os días 19 e 20 de abril na FCSC

A imaxe que, a través dos seus actos, trasladan á sociedade institucións como a Presidencia do Goberno, o Parlamento de Galicia ou as reais academias serán un dos focos de análise das VI Xornadas Internacionais de Comunicación Institucional e Imaxe Pública - XVII Curso Complementario de Comunicación e Protocolo, que se desenvolverán os días 19 e 20 de abril en CCSS e da Comunicación. Preto de 200 alumnos e alumnas participan cada ano, como sinala o seu director, o profesor Fernando Ramos, “na actividade complementaria máis antiga da Universidade”, que ten como obxectivo “comunicar aos estudantes co mundo profesional” e achegalos a futuros ámbitos de traballo como a comunicación e o protocolo, entendido como “a materialización da imaxe pública dunha institución cara fóra”. Nese mesmo foco de análise enmárcase tamén o III Foro do Consello Social, que na xornada previa, o martes 18, analizará as relacións da universidade coa sociedade a través da súa comunicación.

As dúas actividades contan con matrícula gratuíta, que pode realizarse a través da plataforma Bubela, “e está en tramitación o seu recoñecemento con créditos ETCS”, explica Ramos, que incide tamén en que estas xornadas internacionais, que contan coa colaboración da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia e nas que o propio alumnado se responsabiliza das tarefas de protocolo poderán seguirse en directo a través de UVigo-TV, o que permite “que teñamos preto dun 10% de alumnos que o seguen a través de internet, moitos deles de América Latina”. 

Da imaxe da Presidencia aos funerais do Estado

Na súa xornada inaugural, este curso complementario contará coa participación do subdirector xeral de Protocolo e Cerimonial de Estado, da Secretaría General da Presidencia do Goberno, Alejo Arnáiz, quen falará do protocolo desta institución, así como co letrado oficial maior do Parlamento de Galicia, Xosé Sarmiento. Tamén falará da cámara autonómica, desde unha perspectiva interna, a deputada do PPdeG e doutora en Comunicación Teresa Egerique, mentres que Ramos afondará na tradición das reais academias na conferencia inaugural. Tamén serán analizadas desde o punto de vista comunicativo cerimonias como a e proclamación de presidentes da República, da man da catedrática da UNED Dolores del Mar Sánchez, ou a ofrenda do antigo Reino de Galicia, da man do xefe de Protocolo do Concello de Lugo, José Santiso. O investigador da UNED Rafael Rabasco, pola súa banda, abordará a presentación de cartas credenciais, nunha xornada, na que tamén intervirán a presidenta de Instituto Iberoamericano de Estudios de Comunicación, Marta González, e o profesor da Universidad Complutense de Madrid, David Caldevilla. 

“Unhas das novidades deste ano vai ser a música”, engade Ramos dun curso que na súa segunda xornada abordará o seu papel nos funerais de Estado, nunha conferencia que o profesor do Conservatorio Superior de Música de Vigo Roberto Relova centrará no caso de Grace Kelly, e trala que terá lugar unha actuación musical na que Miriam Buceta, Sandra Carballo, Iria Pérez, Patricia Tuñez e Iria Fernández, interpretarán pezas procedentes de bandas sonoras. O cinema será tamén o eixo da conferencia de clausura, A alfombra vermella do glamour: moda e modistos no cine de Hollywood, que impartirá a profesora Anna Amorós, nunha xornada na que tamén participarán o director xerente do Instituto Feiral de Vigo, Arsenio Prieto; o director técnico de Galicia Calidade, Javier de Miguel; e a profesora da Universidad de Sevilla María Teresa Otero.

A universidade vista desde a universidade

Na xornada previa, o III Foro do Consello Social promoverá “unha reflexión da Universidade sobre si mesma e as súas relacións coa sociedade a través dos medios de comunicación e dos seus actos simbólicos”, explica Ramos. Con ese propósito, o programa desta xornada que leva por título Comunicación e relacións públicas para unha Universidade moderna contará cunha mesa na que participarán xornalistas que informan habitualmente sobre a institución académica, así como cun coloquio sobre iniciativas promovidas neste eido polo alumnado do Programa para Maiores.

O foro abrirase cun relatorio de Ramos sobre a evolución da imaxe simbólica da propia Universidade de Vigo, no que dará a coñecer “deseños inéditos de emblemática e comunicación corporativa” e abordará posteriormente as relacións públicas institucionais de universidades andaluzas e catalás, da man de María Otero Alvarado e Marta González. A conferencia de clausura correrá a cargo do profesor emérito Luis Rodríguez Ennes, “que vai falar da propia vida na Universidade, de como se pode chegar a ser emérito comezando como bolseiro”, explica o seu director.


+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es