Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus




Convocatorias

28/03/2017
A exposición A miña luzada poderá verse esta semana na Casa das Campás
A mostra reúne fotografías realizadas en Galicia e na India

No ano 2013, a ONG Implicadas no Desenvolvemento impulsou o concurso fotográfico Das crises ás alianzas, no que convidaba ás mulleres de Galicia e de Tamil Nadu, o estado do sur da India onde esta ONG desenvolve os seus proxectos de cooperación, a plasmar nunha imaxe os efectos que teñen as crises na vida das mulleres. Daquela iniciativa xurdiu A miña luzada, unha exposición que reúne en dez paneis unha selección das pezas máis representativas das diferentes imaxes presentadas a este concurso tanto en Galicia como na India, que desde 2014 viu percorrendo a xeografía galega e que desde este luns fai parada na Casa das Campás, onde serve como actividade de presentación do grupo de traballo que esta organización vén de constituír na cidade.

As impulsoras deste grupo, Laura Campos e Tania Lago, presentaron este luns na sede da Vicerreitoría unha mostra que poderá visitarse ao longo da presente semana acompañados polo responsable da Área de Extensión Cultural do campus, Manuel Morquecho, quen destacou a vontade da institución académica de contribuír “as actividades sociais e culturais que se desenvolven na nosa contorna”. Na que é a súa primeira exhibición na cidade, como apuntou Lago, Da miña luzada busca dar conta de “que cando hai unha crise, normalmente os papeis máis afectados son aqueles que desenvolven as mulleres”. 

Así, os traballos das marisqueiras ou das colareiras galegas figuran, por exemplo, entre as visións que achegan a esta mostra as fotógrafas galegas Uxía Caride, Tania Merelas, Cristina González, Juana Luisa Prieto, Gema Zunzunegui, Sila Cela e Laura Seijas, Así mesmo, esta escolma de fotografías e series realizada en dez paneis e enmarcada nun proxecto que busca amosar como as crises afectan ás mulleres "tanto no norte coma no sur" así como as alianzas que se adoptan para superar estas situacións, complétase con dúas imaxes chegadas desde Tamil Nadu, onde esta iniciativa enmarcada, no proxecto de educación para o desenvolvemento A crise como cambio contou coa colaboración da ONG People�s Development Initiatives. Deste xeito, as imaxes dunha muller que, á medianoite, continúa servindo a cea a un grupo integrado unicamente por homes e dunha vendedora de froita, realizadas por Sara Shanthini e Arnala Infantta, respectivamente, completan esta exposición. 

A carta de presentación da ONG na cidade

Segundo explicou Lago, o traballo que vén desenvolvendo, “sempre desde unha perspectiva feminista”, esta ONG articulase en torno a dous eixos, “a axuda a proxectos de desenvolvemento”, como os que actualmente desenvolven na India, “sempre traballando con ONG locais”, e, por outra banda, un labor de “sensibilización, para concienciar respecto da situación actual”. Nesta última liña encádrase unha exposición que ao mesmo tempo busca servir tamén como carta de presentación da organización da cidade, co obxectivo de sumar novas voluntarias ao grupo de traballo que actualmente integran Campos e Lago, dentro de unha organización fundada en 1998, que, explican, basea o seu traballo na procura da igualdade de xénero como piar para o desenvolvemento humano perdurable.

+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es