Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus




Convocatorias

25/04/2017
Bernardo Sartier e Xosé Fortes Bouzán en Conversas na UVI
Os dous falarán de memoria histórica e repasarán a biografía de Fortes.

Trala conversa de Juan Tallón e Rafa Cabeleira, chega a do columnista Bernardo Sartier e o historiador Xosé Fortes Bouzán este martes ás 20:00 horas na Casa das Campás. Os dous falarán de memoria histórica e repasarán a biografía de Fortes.

O historiador Xosé Fortes Bouzán protagoniza este martes a charla do ciclo Conversas na Uvi, unha iniciativa da Universidade de Vigo e do Diario de Pontevedra que realizan xornalistas e columnistas do xornal a personaxes de actualidade. O encargado de falar con Fortes, que repasará, entre outras cousas, a súa biografía, será o avogado e escritor Bernardo Sartier. A entrevista, aberta ao público, terá lugar na Casa das Campás (20.00 horas) e é a cuarta dunha proposta pola que este ano xa pasaron Fina Casalderrey, César Mosquera e Juan Tallón.

Licenciado en Filosofía e Letras na especialidade de Historia,mestre ata a súa xubilación no IES A Xunqueira II de Pontevedra e coordinador dos cursos de verán da UIMP en Pontevedra entre 1998 e 2005, Xosé Fortes desenvolveu unha carreira como militar despois de ter ido á Academia de Zaragoza cunha bolsa tras estudar o Bacharelato en Pontevedra. Sendo capitán de infantería, en 1974, foi un dos fundadores da Unión Militar Democrática (UMD), unha organización clandestina do final do franquismo, que tiña por obxectivo democratizar as Forzas Armadas e derrocar á ditadura. Acabou preso, tras un consello de guerra. Foi condenado a catro anos de cadea acusado de "conspiración para a rebelión". En decembro de 1987, en virtude da Lei de rehabilitación dos militares, reingresou no exército coa graduación de coronel. En 2009 recibiu a Cruz do Mérito Militar con Distintivo Branco. A pasada fin de semana, recibiu unha homenaxe, xunto con outros membros da UMD, en Asturias.

Como investigador e historiador, na traxectoria de Fortes destacan unha serie de publicacións, entre elas, as adicadas á historia de Pontevedra, a Caroi (o seu lugar de nacemento) e a Cotobade. Ademais, foi o director da primeira revista infantil e xuvenil en lingua galega, Vagalume, é colaborador habitual na prensa galega, dirixiu o programa de radio Historia viva, e participou na serie de televisión Os viaxeiros da luz e na película Los girasoles ciegos, de José Luis Cuerda.

+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es