Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus




Convocatorias

26/04/2017
Inauguración da exposición O PREGO / dobre desdobrado
Este xoves 26 ás 20:00 horas na Sala X do Campus de Pontevedra


Este xoves 27 de abril ás 20:00 horas inaugurase a exposición O PREGO / dobre desdobrado na SALA X do Campus de Pontevedra.

Esta exposición colectiva é o resultado do 3º proxecto-encontro internacional de interacción gráfica e edición, O PREGO /dobre desdobrado, no que participaron 17 centros formativos e de investigación de 11 países, cun total de 224 obras en forma de prego de papel.

Este proxecto tiña como obxectivo seguir promovendo a circulación cultural a través das fronteiras que permite a edición gráfica, multiplicación, versatilidade e transportabilidade, revalorizando o formato do libro a partir do seu módulo base, O PREGO. O espazo do PREGO supón un todo fraccionado en catro espazos distintos e solidarios, no que se establecen relacións de oposición, reflexividade, contigüidade, secuenciación… O prego, como o libro, ábrese e péchase, garda, amosa e esconde á vez. A unión de diferentes pregos entre eles forma un libro, dispositivo definido por esa zona de emerxencia e de encontro que é o prego, entendido como bisagra de desdobramento.

Para este proxecto de carácter docente e investigador, reunimos unha selección de estudantes, docentes e artistas que se vinculan a talleres e grupos de investigación en arte gráfica e edición de diferentes universidades e centros de formación de diferentes países (Arxentina, Bélxica, Canadá, Dinamarca, España, Estados Unidos, Francia, México, Portugal, Serbia, Taiwán). Esta convocatoria dá continuidade aos proxectos internacionais anteriores “La Miniatura” (2010-12), “Comptines, Rimas polo mundo" (2014-15), que también foros presentados na Sala X.

Invitamos a cada participante a intervir sobre ambas as caras dunha folla de papel pregada, utilizando técnicas gráficas e/ou outros recursos que xeran unha imaxe múltiple para a súa edición de tantos exemplares como centros participantes. A finalidade do proxecto é reunir e confrontar todos os pregos recibidos nun so gran libro sen encadernar. Este formato flexible posibilita diferentes combinacións, á maneira dun cadáver exquisito e facilita as exposicións dos pregos independentes en cada centro.

No proxecto O PREGO formulamos unha nova maneira de compoñer unha obra, trazada desde a colectividade, a partir de propostas individuais. Unha creatividade onde 1+1 é moito máis que 2. O PREGO centra o seu interese na complementariedade de visións parciais. A organización dos pregos proponse como unha acción artística en se mesma, onde o proceso cobra un papel protagonista polo seu carácter activo de composición de lecturas.

Para esta mostra intentamos definir unhas pautas de agrupamento e unha lóxica de secuenciación máis ou menos coherente. Os conxuntos enviados polos centros, buscando novas conexións con outras propostas afastadas, en relacións de afinidade ao contrario de contraste. Os pregos, aparentemente únicos no seu centro de orixe, descobren parentesco con outros do outro lado do océano. Vanse formando pequenas e grandes familias entre descoñecidos, parentes formais e conceptuais máis o menos próximos.

Desde o grupo de investigación dx5, lanzouse unha semente cunha pregunta que aspira a non ter unha soa e única resposta. O interesante é o propio proceso de compilación e exhibición múltiple. Xa se iniciaron as presentacións e exposicións en diferentes países, cumprindo o noso obxectivo de comunicación e intercambio internacional que ofrece a idea fundamental de orixinal múltiple do proxecto.



+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es