Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus




Convocatorias

10/05/2017
O uso do galego reivindícase na Facultade de CCSS e da Comunicación
O acto contou coa participación do filólogo Matías da Torre e o deputado Luís Villares, amais do grupo Oh! Ayatollah

O papel que ten o galego nos medios de comunicación e o proceso de normalización lingüística foron dous dos eixos da Resaca das Letras, a iniciativa coa que a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación celebraba este mércores por adiantado o Día das Letras Galegas. Relatorios, presentacións e actuacións musicais combináronse nunha mañá de debate e celebración que abriu o filólogo e profesor Matías da Torre denunciando que o idioma “está totalmente relegado nos medios de comunicación de masas” e pechou o ex-maxistrado e voceiro de En Marea, Luís Villares, poñendo o acento na importancia das políticas de normalización para garantir unha liberdade lingüística ao seu xuízo afectada pola ausencia dunha "competencia lingüística plena" con conxuto da sociedade e pola existencia de “prexuízos” contra o galego.

O obxectivo desta actividade é intentar darlle un pulo ao uso do galego tratando temas vinculados coa comunicación, a política e o social”, salienta a alumna Sofía García, responsable neste 2017 da organización dunha xornada que inicialmente se celebraba despois do día 17, pero que desde hai tres anos propón unha ‘resaca’ adiantada ao propio Día das Letras. O acto, presentado por Óscar Cruz, completouse coas actuacións musicais de Oh! Ayatollah e Sofía Espiñeira.

Unha situación de “anormalidade”

No relatorio que abriu a xornada, Da Torre cualificou de“pésima” a situación na que se atopa o idioma nos medios de comunicación, posto que, apuntou, o seu uso é “case anecdótico” nos privados, xa que “os grandes xornais só utilizan para cuestións que teñen que ver coa opinión persoal dos lectores ou cuestións literarias”, mentres que os públicos, que si ou utilizan, opinou, “apenas teñen incidencia no noso país”. Este filólogo falou pois dunha situación de “anormalidade” que parte dun “proceso de normalización incompleto, inacabado”, que leva a que se reproduza “en todos os sectores a falta de oportunidades para a nosa lingua propia”. Unha lingua que, denunciou, pasa a “ser estranxeira no ámbito da educación en contextos urbanos” e é utilizada “minimamente” no eido empresarial e comercial, ao tempo que “non se consegue sensibilizar á cidadanía”, entre outros factores, por esa falta dun “apoio mediático real” ás campañas para fomentar o seu uso. “Se a lingua non ten unha visibilidade real fora do costumismo no que acaba caendo o seu uso, nunca será recoñecida e dimensionada como unha auténtica lingua de prestixio”, concluíu o conferenciante, quen defendeu a necesidade dunha política lingüística que promova “a utilización práctica do idioma en todos os sectores da sociedade”.

Somos libres para falar en galego?

Tamén puxo en valor a necesidade de políticas de promoción da lingua Luís Villares, quen centrou a súa intervención en rebater a idea de “desfacerse das políticas de normalización en nome da liberdade lingüística”. Nese senso, o ex-maxistrado puxo o acento en que “para poder afirmar a liberdade individual téñense que dar determinadas condicións e a primeira é que un haxa pluralidade de elementos para escoller”. Mais no aspecto lingüístico, esa pluralidade vén condicionada en primeiro termo “pola competencia lingüística, polos datos que demostran que non todo o mundo sabe desenvolverse fluidamente en galego”. Mais tamén por un segundo factor “de carácter subxectivo”, non ter "outro obstáculo que a propia vontade” de falar un idioma. “Se penso que unha lingua non me vai permitir progresar socialmente, vou escoller outra”, salientou Villares co propósito de poñer o acento a existencia tanto de “prexuízos internos” como de “presións externas” en eidos como o laboral que condicionan o exercicio desa liberdade. Por ese motivo, defendeu que o papel da administración debe de ser o de “garantir a igualdade, que significa dotar atodo o mundo de competencias e extirparlles eses perxuízos”.

Unha homenaxe a Casares nacida da propia facultade

Tampouco podía faltar nesta celebración adiantada das Letras Galegas o autor ao que se lle rende homenaxe neste 2017, Carlos Casares, en cuxo primeiro libro, Vento Ferido, inspirouse en 2015 un grupo de alumnos e alumnas da facultade para desenvolver unha webserie no marco do taller que dirixe o profesor Paulino Pérez dentro do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC). Ángel López e Iria Silvosa foron os encargados de presentar ao alumnado unha “adaptación bastante libre” deste libro, inspirada nos seus “relatos, ambientes e personaxes”.

O evento completouse coa presentación de medios como Coolt, unha revista dixital de tendencias en galego que está a ter “unha acollida moi boa”, recoñece a súa directora, Cecilia Fernández, tanto por parte dun público afeccionado a ests contidos como de lectores e lectoras que “valoran o esforzo de levar eses contidos ao galego”. Non en van, “parece que para falar de moda e tendencias utilizamos máis palabras en inglés que en galego”, salientou. Así mesmo, o galego será tamén a lingua do “nodo galego” de El Salto, un proxecto de "medio confedereado" e sustentado tanto en subscritores como en socios e socias cooperativistas, que presentaron os xornalistas Hector Barandela e Clara Figueroa. “A presenza do galego nos grandes medios e practicamente nula”, recoñeceron os responsables dunha iniciativa que contará en Galicia tanto cun diario dixital como cunha publicación mensual en papel.

+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es