Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus




Convocatorias

10/01/2018
A música tradicional espállase ao longo do curso


Dando continuidade aos obradoiros de interpretación de instrumentos populares que a Vicerreitoría impulsara en anos anteriores, o campus conta desde comezos do presente curso cunha aula permanente de música tradicional no que a aprendizaxe de diferentes instrumentos populares, desde a gaita ou o pandeiro á zanfona ou a frauta, esténdese ao longo de todo o curso. Faino tamén co maior número de estudantes, máis de 20, que ata o de agora lograra reunir esta actividade aberta ao conxunto da cidadanía no seu formato previo de obradoiro. “Moitos continúan xa doutros anos e temos unha importante porcentaxe de xente que provén de fóra da comunidade universitaria”, sinala Luís Torres, director dunha aula que, de cara ao segundo cuadrimestre, conta cun novo prazo de inscrición para aquelas e aquelas persoas que queiran sumarse a unha iniciativa da que tamén participan estudantes de diferentes titulacións e do Programa para Maiores.

Traballando a longo prazo

“A diferencia con respecto a outros anos é que ao principio xa podes facer unha programación para todo o curso”, salienta Torres dunha iniciativa inserida na programación de Extensión Cultural do campus, que ten como docente ao gaiteiro Luís Sánchez Bolón. “Este ano é probablemente o que máis xente temos, moita dela que empeza de cero, pero é moito máis estable, porque xa o enfocas todo ao curso enteiro e non a un cuadrimestre”, sinala o responsable dunha aula que desde o mes de outubro reúnese semanalmente na Escola de Enxeñaría Forestal.

Ao igual que os obradoiros de que partiu, a actividade combina un nivel de iniciación, para persoas sen coñecementos musicais previos, con outro de perfeccionamento. “Continúa moita xente que xa estaba o ano pasado, polo que hai xa un grupo estable de xente cun repertorio coa que seguir avanzando e explicarlles novos conceptos técnicos para que poidan integralos no seu repertorio”, sinala Sánchez Bolón dunha iniciativa na que conviven “xente de diferentes niveis e con gustos, criterios e ganas de tocar cousas diferentes”.

Dous bloques, un obxectivo común

A combinación de instrumentos e niveis fai que no presente curso esta actividade divida as súas sesións semanais en dous bloques, de tal xeito que a primeira hora da tarde a xornada céntrase na gaita e na percusión que habitualmente acompaña a este instrumento, como o tamboril, o bombo e a pandeireta, xunto coa zanfona. O último bloque, pola contra, reúne “as persoas que estudan percusións como os pandeiros, as pandeiras ou as cunchas, e todo tipo de frautas, como a traveseira, a requinta e a ocarina”, explica Sánchez Bolón.

Previamente cada xornada reúne aos diferentes grupos nun bloque central conxunto dirixido a que os diferentes alumnos e alumnas poidan tocar xuntos. Deste xeito, as diferentes sesións permiten traballar tamén na construción dun repertorio co propósito de preparar un concerto cara o remate do curso, dando continuidade ao grupo de música tradicional do campus que o pasado mes de maio ofrecía no campus a súa primeira actuación, coincidindo coa conmemoración do Día das Letras Galegas. “A actividade conxunta está articulada para iso, pero tamén para que perdan o medo a actuar”, sinala Sánchez Bolón, responsable dos arranxos e do repertorio dun grupo que, nese senso, busca reunir “dentro dese concepto de música tradicional, diferentes estéticas e diferentes conceptos sonoros”. Mais tamén, que ao grupo se sume o maior número posible de alumnos e alumnas, polo que, engade o seu responsable, “a idea é traballar nun repertorio que dalgunha maneira poida integrar ao maior número posible de persoas, para que se sintan parte e queiran seguir traballando”.
Eduardo Muñiz, Duvi

+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es