Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus




Convocatorias

07/03/2018
Novos Cinemas promove un taller de experimentación e “videoguerrilla”


O Festival Internacional de Cinema de Pontevedra Novos Cinemas trasladarase neste 2018 ao mes de decembro, entre outros motivos, co propósito de que, no marco do curso académico, a formación continúe a ser un dos eixos fundamentais dun evento que reúne en Pontevedra a directores e directoras emerxentes do panorama internacional xunto cos creadores e creadoras do cinema galego máis incipiente. Mais o abano de actividades formativas froito da colaboración entre Novos Cinemas e a Vicerreitoría do campus, arrincará xa en abril coa celebración, no marco da Semana da Creatividade e da Innovación, dun obradoiro sobre audiovisual experimental e "videoguerrilla" impartido pola artista, axitadora e videocreadora María Cañas, aberto a participación de 15 alumnos e alumnas do campus.

Así o anunciaron o director da Área de Extensión Cultural do campus, Manuel Morquecho, e director formativo de Novos Cinemas, Suso Novás, na presentación que realizaron este martes na Casa da Luz xunto ao director artístico do festival, Ángel Santos, e a concelleira de Animación Sociocultural e Festas, Carme da Silva. “Regresamos ao inverno e moito diso ten que ver coas actividades formativas que desenvolvemos”, salientou Santos, que destacou tamén que a raíz deste cambio de datas, “o alumnado universitario poderá participar do festival de xeito aínda máis activo”, ao tempo que permitirá a organización de sesións específicas para o estudantado de primaria e secundaria. Así mesmo, os responsables de Novos Cinemas adiantaron que unha das novidades desta terceira edición será que a mocidade poderá participar na articulación do programa do festival.

Un espazo para a experimentación

A vindeira semana, a Vicerreitoría do campus abrirá á inscrición no taller que Cañas impartirá no campus entre o martes 17 e o xoves 19 e co que Novos Cinemas busca seguir sendo “un espazo para descubrir a novos talentos do noso audiovisual a través das diferentes olladas que nos ofrecen co seu cinema”, segundo salienta a organización. Nese senso, potenciar a vertente máis experimental do alumnado é o propósito central dun taller no que “terán lugar debates, creación de vídeo, remesturas e videoguerrillas”, e no que Cañas, directora de Animalario TV Producciones, un espazo de creación dedicado á cultura da reciclaxe, o apropiacionismo e a experimentación artística, abordará co alumnado diferentes estratexias creativas. De 15 horas de duración, o taller pecharase cunha sesión na que se proxectarán os traballos xurdidos deste laboratorio de videocreación.


+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es