Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus




Convocatorias

09/03/2018
A comunidade universitaria alza a voz polos dereitos das mulleres


 Nun 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, marcado pola convocatoria dunha folga internacional de mulleres e de numerosos paros e actos reivindicativos, profesorado, persoal de administración e servizos e alumnado da Universidade de Vigo quixo tamén alzar a súa voz contra as desigualdades e as diferentes formas de violencia que continúan a sufrir as mulleres. Tanto no campus de Vigo como no de Pontevedra tiveron lugar este mediodía concentracións promovidas por colectivos integrados por diferentes representantes da comunidade universitaria, completados cunha lectura colectiva de sendos manifestos, mentres que en Ourense unha asemblea de estudantes impulsou un peche nocturno na Facultade de Ciencias da Educación, dirixido a preparar a xornada de paros e mobilización deste xoves.

Un mercado “que explota e precariza” as mulleres

Impulsada polo colectivo Mulleres da UVigo polo 8 de marzo, un grupo de mulleres de todos os sectores da comunidade universitaria creado precisamente co propósito de promover accións para esta xornada de reivindicación, a concentración que segundo a organización reuniu este mediodía a preto de 300 persoas no campus vigués completouse coa lectura do manifesto da organización feminista Marcha Mundial das Mulleres para este 8 de marzo. Texto no que se articulaba unha denuncia dun “contexto político mundial, marcado pola crecente crise económica, social, política, climática e ideolóxica” na que as mulleres, sinalan, son as principais afectadas. "Parecíanos importante facer un acto aquí no campus e visibilizar que as mulleres da Universidade de Vigo temos conciencia feminista e consideramos importante esta folga", sinalaban desde o colectivo organizador, que salientaban a resposta "moi positiva" que a comunidade universitaria brindou a esta convocatoria, que sucede así mesmo ás declaracións de apoio a esta xornada do paro realizadas desde diferentes áreas da institución académica e órganos de representación do persoal.

8M: Todas paramos polos nosos dereitos era o lema da pancarta que presidiu esta concentración celebrada diante da sede da reitoría, á que asistiron tamén representantes do equipo de goberno da Universidade, como o reitor, Salustiano Mato, así como traballadoras de diferentes empresas que prestan servizos na institución académica. Un acto no que, a través do manifesto ao que deron lectura oito representantes de PDI, PAS e alumnado, púxose o foco, entre outras cuestións, nas “longas xornadas de traballo, baixos salarios e exposición de riscos diversos” que as mulleres enfrontan no mercado laboral, pero tamén na precariedade asociada ao traballo doméstico e de coidados, “un traballo que garante o sustento da vida humana”, pero que se atopa “invisibilizado e infravalorado”, como resultado dunha “división sexual do traballo que sobrevalora o socialmente concibido para os homes a partir da negación do valor do traballo atribuído ás mulleres”. Do mesmo xeito, o manifesto puña tamén o acento na necesidade de berrar “basta!” as diferentes formas de violencia machista que enfrontamos a cotío en espazos públicos e privados”.

“Fartas de soster o mundo sen que se nos recoñeza”

Promovida tamén por unha asemblea aberta na que tomaron parte representantes dos diferentes estamentos da comunidade universitaria, tamén o campus de Pontevedra acolleu unha concentración, ás portas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, na que dúas docentes e seis alumnas puxeron verbas a un texto de apoio á “primeira folga feminista mundial da historia”, dirixida a reivindicar “que se nos escoite e mude de vez esta situación de inxustiza milenaria”.

“Estamos fartas de soster o mundo sen que se nos recoñeza”, concluía o manifesto elaborado por este colectivo, que puña de relevo que preto de mil mulleres foran asasinadas en España nos últimos 15 anos polas súas parellas ou ex-parellas masculinas, as “duplas e triplas xornadas” que sofren as mulleres por mor de tarefas como os coidados familiares, que “non queremos asumir en solitario”, a fenda salarial ou o feito de que os estudos elixidos maioritariamente por mulleres “sexan os máis desvalorizados”. Concentración presidida por unha serie de carteis nos que se podía ler Nosotras paramos, deseñados para a ocasión pola alumna de doutoramento Sandra Martínez.

Peche no campus de Ourense

Co propósito de preparar faixas, carteis e outra serie de materiais para as mobilizacións que suceden ao longo da xornada, un grupo de preto de 40 estudantes do campus ourensán, agrupadas na asemblea Estudantes Feministas Ourense, iniciaron esta xornada de reivindicación xa a pasada noite. Fixérono cun peche na Facultade de Ciencias da Educación, sucedido esta mañá por un percorrido informativo polo campus previo á concentración que na cidade das Burgas tivo lugar diante do Concello. Así mesmo, sinalan voceiras do colectivo, a mobilización continuará no campus pola tarde, cunha concentración ás 19.30 horas ás portas do Edificio de Ferro, desde onde as e os estudantes partirán cara a manifestación convocada nesta cidade para as 20.00 horas.


☞Artigo de Eduardo Muñiz para o DUVI

+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es