Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus




Convocatorias

14/05/2018
Unha reflexión colectiva sobre o futuro dos centros de arte contemporánea


Artistas, comisarios, críticos e xestores culturais e integrantes de diferentes colectivos, xunto a profesorado e alumnado de Belas Artes, reuníronse este xoves nun debate centrado no presente e futuro dos centros da arte contemporánea en Galicia e na propia realidade profesional do sector. Tomando a situación que atravesa o Museo de Arte Contemporánea (Marco) como punto de partida, a xornada A creación dun novo Marco: buzón de ideas, pretendía desde un “carácter horizontal” promover un diálogo entre os diferentes axentes do sector que permitise trazar “una panorámica de cal é a situación na que se atopa o contexto da arte, os centros de arte contemporánea e o marco profesional en xeral”, como explica a artista e titulada Iria Vázquez, impulsora xunto con Xisela Franco, Eva Monroy e Sara Donoso desta iniciativa impulsada polo Departamento de Pintura que reuniu a máis de 60 axentes do sector nun debate aberto que buscaba servir como “un mural” no que se fose, a través das diferentes ideas, “se fose conformando un debuxo xeral”, como engadiu Franco.

Con ese propósito, o evento articulouse como un debate aberto no que cada participante tivese o mesmo tempo de intervención e que servise á vez, como explicou Vázquez, vicepresidenta da asociación de artistas A Colectiva e da asociación de ex-estudantes da facultade, Rede por Belas Artes, como a caixa de correo dunha serie de ideas que permitisen logo articular o vindeiro curso unhas xornadas en torno a algunhas das cuestións expostas nesta xornada. “Cremos que ten moito sentido que isto ocorra aquí, que falemos sobre o futuro, ten sentido que debatamos que cultura e que arte queremos e como nos afecta isto como sociedade”, engadiu a decana, Silvia García, na apertura dun debate no que as organizadoras convidaron a unha representación de diferentes axentes e colectivos para abrir o coloquio.

Concretamente, estas primeiras intervencións correron a cargo dos artistas e integrantes de diferentes colectivos Carme Nogueira e Berio Molina; do artista e coordinador da anterior asociación de artistas galegos, AVAG, Isaac Pérez Vicente; do profesor do Departamento da Historia da Arte da USC Miguel Anxo Rodríguez; da crítica cultural e avogada Ania González; do historiador da arte, comisario e crítico cultural Carlos Bernárdez; da ex-presidenta da Agrupacón de Amigos do Marco Daniela Sarraino e do historiador, xestor cultural e investigador sonoro Julio Gómez.

O Marco como punto de partida

“A crise do Marco, que visibilizou a inxerencia política nos espazos públicos” e que derivou nunha “reivindicación común que mobilizou a distintos colectivos e grupos” constituíu, como explica Vázquez, o punto de partida dunha xornada que nese senso, buscaba reunir a “todas esas voces que se manifestaron polo caso do Marco”, para abordar a problemática que implica un modelo, ao seu xuízo, presente “na xestión de todos os centros de arte”, así como o “contexto moi precario, a todos os niveis”, do sector da arte contemporánea en Galicia. “Falamos do Marco, pero tamén do estado da cuestión en xeral, de cuestionar o museo e incluso cuestionar este espazo no que estamos”, engadía nese mesmo senso Franco, quen incidía na presentación tamén como o acontecido co centro museístico vigués, “tomado tristemente polo poder político” motivou que “a práctica totalidade do sector nos unísemos contra esa tendencia que temos de traballar desde o individualismo”. O obxectivo final, engadían as impulsoras desta iniciativa, era “crear un debate aberto sobre as funcións que debe cumprir e abarcar o modelo-proxecto museográfico que queremos e necesitamos”, motivo polo que a egresada e integrante de Rede por Belas Artes Eva Monroy abriu a quenda de intervencións lembrando diferentes antecedentes que amosan que, co inicio da crise, hai preto dunha década, “comeza a cuestionarse timidamente o papel do artista e do museo”, convertendo en común á pregunta de “cal é o futuro do museo, aínda que estea funcionando ben”.

“A verdade é que tivo unha resposta moi boa, quedamos moi contentas tanto do ambiente como do propio fluxo do encontro”, concluía Vázquez dunha xornada na que, recoñecía, “houbo bastante debate e diálogo”, pero tamén “bastantes propostas e ideas” e un punto de acordo, “que este era un camiño a longo prazo no que había que ir traballando para que acabe derivando en novas propostas, novas xornadas e camiños reais de proxectos que teñan unha repercusión, que axuden a que se transforme o marco profesional, que ao fin e ao cabo, era o obxectivo”.


☞Artigo de Eduardo Muñiz para o DUVI

+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es