Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus




Convocatorias

25/05/2018
Les parapluies de Cherbourg


Sinopse: Genevieve e Guy son dous mozos namorados que viven na pequena cidade portuaria de Cherburgo. Os dous planean un futuro xuntos pero Guy debe alistarse para loitar na guerra de Argelia. Poderá Genevieve soportar a ausencia de Guy?...

Sobre o filme:

Os paraugas de Cherburgo é o filme máis recoñecido e encomiado de Jacques Demy. A súa estética e o seu estilo é toda unha revolución dentro do musical. Ata o momento da súa estrea ninguén realizara algo así. Unha película cun guión e unha partitura orixinais, na que se canta absolutamente todo e onde non hai momentos de danza propiamente dita. Ninguén volvería facer algo así só o propio director repetirá esta fórmula "en- chanté" (un universo rebosante de cor e dominado polo canto) anos máis tarde con Unha habitación na cidade (Une chambre en ville, 1982).

 

J. Demy e B, Evein, o decorador do filme, fan que as fachadas das casa e os comercios da cidade repítense dos tons que eles queren. Toda a preparación do filme créase a partir de deseños de Demy sobre pequenos cadros de cor que vai creando conxugando escenario e vestiario. 

Toda a obra baséase na cor dos papeis pintados e o das roupas dos personaxes decídese a partir do deseño do decorado combinando así perfectamente decorado e vestiario. Este mundo de cores vivas e estridentes confórmase en base aos recordos de infancia do realizador e de referentes pictóricos como Dufy, Van Dongen e sobre todo o fauvismo e Mattisse. O cineasta afirma que: “Eu quería facer un filme de papeis pintados, ver papeis pintados en todas as partes, un exceso de cor”. Ademais a inspiración destes papeis pintados vén dos recordos de infancia do realizador, de deseños dos anos 30 que el viu en casa da súa avoa.

O desexo de evocar os sentimentos a través da pintura é o que relaciona ao director cos fauves e Mattisse, Son cores puras e agresivas para captar o sentimento interior dos personaxes como proxección da realidade. A utilización desinhibida da cor de Demy é para exteriorizar formas, situacións e sentimentos. Ademais o cineastavisualiza esta historia en termos de cadros, planos e cores (un tableau- vivant no momento no que Geneviève le na xanela unha carta que lle envía Guy desde a guerra, evocando así o cadro do pintor flamenco Vermeer: A lectura en azul [1962-65]).

 

A importancia de Michel Legrand, o compositor queda patente desde os créditos iniciais ao lerse “Mise en musique par Michel Legrand” xunto a “Scénario et dialogue de Jacques Demy”. Algo ata agora insólito nunha película. O concepto de autoría queda así dividido en partes iguais entre o director e o músico. A pesar do que poida parecer en base a uns diálogos completamente cantados e puntuados pola melodía, isto nada ten que ver coa ópera. Non hai notas extremas, nin xiros imposibles das voces, tan só o desexo de que cada palabra sexa comprendida polo público. A melodía de Legrand se adecúa ás inflexións naturais do diálogo que escribiu Demy. A toda esta musicalidade in extremis hai que sumarlle o traballo en playback dos actores. 

A estrutura musical desta obra contén as máis diversas correntes rítmicas contemporáneas, desde o swing ata algunhas reminiscencias barrocas. A banda sonora componse de vinte e dous temas que se repiten en diferentes ocasións a modo de leit motiv, relacionando personaxes ou situacións. A totalidade da música está asociada á imaxe fílmica (os únicos silencios que aparecen ao longo da metraxe son os que se corresponden cos oito fundidos en negro). 

Fóra da escena do Dancing, na que Geneviève e Guy bailan un mambo, non hai ningún baile ao longo de todo o filme. Isto substitúese polo influxo dos corpos. Os movementos dos personaxes e os movementos de cámara están totalmente compasados coa melodía.

Non se pode deixar de lado o forte contido social que se mostra na película . Unha nova ousadía por parte do realizador xa que é a primeira vez que na gran pantalla se móstra o rexeitamento pola guerra de Alxeria e o que esta provocou á sociedade francesa, a desestruturación familiar e a morte. A guerra de Alxeria era un tema tabú nos anos sesenta, un tabú difícil de encarar hoxe en día para os franceses. A guerra sen nome como a chamou Bertrand Tavernier (La guerre sans nom. Bertrand Tavernier, 1991).

Os paraugas de Cherburgo foi un éxito mundial que lanzou e facilitou a carreira de todos os seus integrantes. Mag Bodard consolidouse como produtora, Michel Legrand tivo oportunidades de traballar en América e supuxo o descubrimento e lanzamento cinematográfico de Catherine Deneuve. En canto a Jacques Demy, o recoñecemento permitiulle obter os medios para realizar As señoritas de Rochefort. 

Esta película foi recompensada coa palme d’ or do Festival de Cannes e o premio Louis Delluc en 1964. Este mesmo ano obtivo un nomeamento aos premios Óscar como mellor película de fala non inglesa. Anos máis tarde, en 1979, o filme converterase nun espectáculo de Broadway. E no 2015 Michel Legrand lanzouse nun espectáculo teatral que percorreu toda Francia.

 Jacques Demy presenta unha longametraxe innovadora e arriscada onde non hai espazo para a palabra nin a danza, todo é música e cor. Pero non é unha ópera filmada, trátase dunha pequena peza  dentro do pechado mundo creado por Demy onde os tons das melodías e das cores resaltan os sentimentos dos personaxes “Un Matisse que canta”, así definiu o cineasta este traballo.



Documentos
Jacques Demy Les parapluies de Cherbourg.pdf

+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es