Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus




Novidades do Campus

08/03/2017
A educación como chave para acadar a igualdade
A Universidade recoñece o labor da profesora María Álvarez Lires cun premio ao compromiso coa igualdade

Reivindicar a educación como a chave para acadar unha igualdade real e efectiva. Esta foi a mensaxe que a Universidade de Vigo quixo lanzar neste 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, no que a institución recoñeceu o labor da profesora de Ciencias da Educación e do Deporte María Álvarez Lires co quinto premio de compromiso coa igualdade de xénero Uviguala 2017. No acto celebrado nesta facultade do Campus de Pontevedra, o reitor, Salustiano Mato, puxo de relevo a “traxectoria profesional e vital” de Álvarez Lires, marcada polo seu compromiso coa “transmisión de valores igualitarios que xeren o cambio necesario para acadar unha sociedade máis xusta e democrática”, coa visibilización das mulleres nas ciencias e co feminismo, como recolle no seu fallo a Comisión de Igualdade, ao que a directora da Unidade de Igualdade, Anabel G. Penín, deu lectura no inicio dun acto que se pechou cunha conferencia da catedrática do Departamento de Economía Aplicada Coral del Río e a lectura dun manifesto por parte de representantes do alumnado.

“Preocúpanos enormemente que neste momento existan síntomas de regresión, de involución no eido da igualdade”, denunciou o reitor nun acto no que puxo de relevo a importancia da educación neste eido e no que manifestou o apoio da institución académica aos paros convocados para este mediodía e que deron pé a concentracións nos tres campus. “Non temos que esquecer que este é un problema dos homes que sofren as mulleres, nós somos os culpables da existencia da desigualdade de xénero”, engadiu Mato, que denunciou a persistencia de “estereotipos e comportamentos” que provocan unha involución que “fai cada vez máis necesario visibilizar” o traballo de persoas como Álvarez Lires.

+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es