Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus





04/01/2018
Pontevedra, a urbe galega menos envellecidae con maior esperanza de vida


Nunha comparativa das sete cidades galegas, Pontevedra sitúase nunha posición media-alta en termos de cohesión social e nun lugar medio-baixo, aínda que cunha evolución positiva, no relativo a actividade económica e empresarial. Esta é dunha das conclusións que se extraen do informe correspondente ao ano 2016 do Observatorio Urbano da cidade elaborado polo grupo de investigación G4 Plus, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, no marco dun convenio de colaboración co Concello. Un total de 1.203.988 valores socioeconómicos recóllense nun documento que sitúa a Pontevedra como a cidade con menor idade media e maior esperanza de vida de Galicia, pero tamén como a que presenta a peor porcentaxe de persoal sanitario de atención primaria por cada mil habitantes. A cidade do Lérez é, por outra banda, a quinta en número de sociedades mercantís constituídas, aínda que presenta unha evolución positiva no número de empresas creadas fronte ás dadas de baixa e figura en terceiro lugar no índice de actividade emprendedora elaborado para este proxecto.

Inserido no proxecto de especialización Crea S2i, este informe con 234 indicadores e 19 ámbitos de análise foi presentado este venres polo vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, e o director do Observatorio, Pedro Figueroa. “Nesta época do big data, este documento permite converter eses 1,2 millóns de datos en información útil”, salientou Corbacho dunha iniciativa que permite ao Campus Crea S2i “seguir crecendo no ámbito da transferencia” ao tempo que reflicte a súa “filosofía de multidisciplinariedade”, xa que o documento coordinado por Figueroa e o investigador Daniel Gallego contou co asesoramento dunha vintena de investigadores e investigadoras de 12 áreas diferentes. Con datos sobre demografía, niveis de renda, educación, mercado laboral, estrutura empresarial, participación cidadá, construción ou turismo, trátase dun documento que se poderá consultar na web do Concello e “que serve para poder afinar na creación de políticas municipais”, sinalou Gulías.

Cohesión social e economía e empresa

Estruturado nestes dous bloques, o informe abrangue tamén unha comparativa de Pontevedra cos municipios da comarca e coas outras seis cidades de Galicia. Nesta última centrouse Figueroa nesta presentación, na que puxo de relevo o “importante posicionamento” do municipio en materia de poboación, cunha idade media de 43,2 anos e unha esperanza de vida de 83,87 anos, ámbito no que pasou da cuarta á primeira posición. Non obstante, tamén aludiu a outra serie de indicadores que “poden facer que perda a posición a longo prazo”, como a taxa de natalidade, de 8,41 nenos por cada mil habitantes, a idade media das nais, das máis elevadas de Galicia, ou o número de fillos esperados por muller, de 1,12.

O responsable do grupo G4 Plus salientou como “quizais o aspecto máis negativo desta parte social”, as ratios de benestar e saúde, xa que Pontevedra é a cidade con menor porcentaxe de recursos humanos en atención primaria, con 2,31 profesionais por cada mil habitantes, e a que conta tamén coa menor porcentaxe de prazas con financiamento público en centros de servizos sociais. Pola contra, amosa “un dinamismo importante a nivel asociativo” e, en materia xudicial, é a urbe na que se rexistrou un maior descenso no número de infraccións penais, un 13,16% entre os exercicios 2015 e 2016.

No relativo á estrutura empresarial, os datos de 2015, os máis recentes dispoñibles, amosan “por primeira vez en moitos anos” un balance positivo no número de empresas de nova creación, 869, fronte ás dadas de baixa, 783, así como unha “evolución positiva” na creación de sociedades mercantís, nas que, dentro desa posición media-baixa, Pontevedra pasa do sétimo ao quinto lugar no conxunto das sete cidades. Por outra banda, sitúase como a segunda cidade de Galicia, por detrás de Vigo, con menor débeda viva por habitante, 140 euros.

Un informe en crecemento

“Creo que os axentes sociais teñen aquí un bo instrumento”, concluíu Figueroa dun informe que, respecto ao de 2015 incorpora novos ámbitos e indicadores á súa análise, como a xestión da actividade hospitalaria, ensino non universitario, pesca e marisqueo, bosques periurbanos, economía social e solidaria ou actividade xudicial, e que en moitos casos implicaron o tratamento ex profeso de información non accesible de xeito público.

Eduardo Muñiz | DUVI

+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es