Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus





12/01/2018
O profesor Jorge Soto, entre os finalistas dos premios Educa Abanca


“A verdade é que unha auténtica honra”, recoñece o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Jorge Soto da súa selección como un dos dez finalistas na categoría de universidades dos Premios Educa Abanca Mellor Docente de España 2017. Promovidos pola plataforma Educa, coa colaboración de Abanca e o colectivo MIAC (Maestros Innovadores, Alumnos Competentes), Soto acadou a sexta maior puntuación na categoría de ensino superior destes galardóns, no que o premio foi para o docente da Universidade da Coruña e titulado desta facultade do campus pontevedrés Victor Arufe.

Dirixidos a realzar a socialmente figura do docente e a súa implicación no proceso de ensinanza, os premios que en febreiro se entregarán na Coruña, coincidindo coa celebración co Congreso Mundial de Educación Educa 2018 partían das candidaturas achegadas por estudantes, ex-alumnos, docentes ou familiares, un dos aspectos salientados por Soto, que o 23 de febreiro recollerá un dos diplomas conmemorativos que se entregarán aos e ás dez finalistas das cinco categorías, educación infantil, primaria, secundaria, formación profesional e universitaria. “Desde o principio foi unha auténtica sorpresa para min, que se converteu nunha alegría, porque parte da iniciativa do teu alumnado ou compañeiros, que son os que presentan a túa candidatura”, salienta Soto, quen ve a súa presenza entre os finalistas como “un premio ao traballo” realizado nas aulas. “O certo é que o de mellor docente soa un pouco forte, hai moitos bos docentes, para min é unha alegría pero na facultade e no campus hai xente moi boa coa que aprendo día a día”, engade o profesor do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa quen asume esta distinción como un recoñecemento “á propia Universidade de Vigo, ao feito de que aquilo que facemos nas facultades ten unha repercusión”.

Máis de 400 candidaturas

A primeira edición destes premios recibiu preto de 1300 propostas, 428 na categoría de universidades, das que saíron os diferentes nomeados e nomeadas aos que unha comisión outorgou unha puntuación a partires dunha serie de criterios aprobados previamente por un comité de expertos formado por docentes de cada etapa educativa. O labor realizado en materia de investigación e transferencia de coñecemento, innovación e TIC, calidade docente e satisfacción do alumnado, transmisión de valores, formación e proxección na sociedade constituían os eixos nos que se sustentaba esta puntuación, na que se tiñan en conta aspectos como a realización de actividades innovadoras na aula, a presencia en redes sociais, plataformas ou medios de comunicación, a publicación de libros e artigos, a organización de xornadas, a participación en investigacións e actividades solidarias con fins educativos ou o número de propostas presentadas aos propios premios.

Estes baremos situaron a Arufe, con 123 puntos, como o gañador desta distinción nunha categoría na que Soto acadou 84 puntos e na que tamén figuran como finalistas Juan Carlos Aguado, da Rey Juan Carlos de Madrid; Gabriel Pinto, da Politécnica de Madrid; Antonio Cuesta, da Universidad de Málaga; Isaac José Pérez, da Universidad de Granada; María Pilar Alejandra Cortés, da Universidad de Zaragoza; a tamén docente da UDC Thais Pousada; Antonio Aguilera da Universidad de Sevilla, e David González-Cutre da Miguel Hernández de Elche.

“Estar aí supón que se recoñeza ese traballo máis colectivo de traballar con valores, ao final o premio non deixa de ser unha anécdota dentro dalgo moito máis importante que é formar aos mozos e mozas como cidadanía, como activistas para unha sociedade mellor”, recoñece Soto, membro da Comisión PEA-Unesco da facultade e promotor de iniciativas como a conmemoración do Día Internacional dos Dereitos da Infancia neste centro. Nese senso, o docente valora o feito de que nestas distincións se valorase o traballo realizado no ámbito social e que poñan en relevo unha “profesión que me apaixona” e da que destaca a importancia “da empatía e da dimensión emocional que tes cos rapaces e rapazas”.

Artigo de Eduardo Muñiz para o Duvi



+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es