The private case, o armario secreto, é o nome que recibe na
British Library ese espazo que as principais bibliotecas destinan a
aqueles fondos non accesibles ao público en xeral. Espazos que no pasado
recollían baixo chave os libros “contrarios á moral ou a ideoloxía
dominante” e nos que hoxe permanecen aqueles volumes que, “xeralmente
debido a súa delicada condición material”, manteñen un acceso reservado,
como explica María Prada, quen tivo que visitar algúns deses espazos
nos que, precisamente pola súa condición material, adoitan gardarse os
libros de artista no marco da investigación que desenvolveu para a súa
tese de doutoramento, na que aborda eses libros de artista que á súa vez
parten doutros libros. Esa idea do libro dentro do libro e a presenza
na Sala X dun espazo, dedicado ás videocreacións, que exerce á súa vez
como sala dentro da sala, serviron a esta investigadora do grupo dx5
como punto de partida para a exposición este xoves inaugurou nesta sala
da Facultade de Belas Artes.
A exposición, que poderá visitarse ata o 21 de febreiro, parte, como
sinala Prada, “da mesma fonte e dos mesmos intereses” que a tese El libro en abismo. Relaciones y transferencias entre imagen y dispositivo en el libro de artista,
que desenvolveu cos profesores Anne Heyvaert e Alberto Ruiz de
Samaniego como directores. Ambas abordan “a relación entre a
representación entre a realidade”, de tal xeito que se ben a
investigación que presentará a finais deste mes “non nutriu directamente
a creación artística”, as obras que Prada amosa nesta mostra son o
froito de procesos e reflexións paralelos.
Un xeito de dar visibilidade ao traballo investigador
The private case constitúe a segunda exposición, trala
protagonizada por Luis Bueno en novembro, que a Sala X dedica á
produción artística que os investigadores e investigadoras de Belas
Artes desenvolven de xeito paralelo ás súas teses, como explicou a
decana, Silvia García, nesta inauguración, na que o vicerreitor do
campus, Juan Manuel Corbacho, puxo de relevo o positivo de iniciativas
como esta á hora de amosar o traballo de “investigación e tamén de
transferencia” que se realiza no campus. Nesa mesma liña de dar
visibilidade ao traballo que se desenvolve na facultade, García adiantou
por outra banda que a asociación de ex-estudantes Rede por Belas Artes
traballa na organización neste espazo de almorzos de investigadores e
investigadoras que contribúan a facer tamén desta sala un “lugar de
encontro”.
Da sala de exposicións á sala dios libros
Partindo da analoxía coas bibliotecas, Prada concibiu a Sala X como un espazo expositivo que contén á súa vez unha “private case,
unha sala onde se gardan os libros especiais”, e á que a artista achega
por unha banda unha serie de “libretas de artista”, realizadas cunha
trama a base de pregues, “que xogan tamén con ese concepto de confusión
entre realidade e ficción nos propios procesos de creación dos libros”. A
súa propia tese, como libro, está presente tamén nesta "sala de
reserva" á que artista achegou tamén unha composición articulada con
fotocopias que amplían algunhas das súas páxinas, nas que se recollen
citas da súa investigación que fan referencia á súa vez, a citas doutros
autores e autoras.
Deste xeito Prada combina a súa reflexión sobre o “libro en abismo”
coas obras que, xa fóra da sala de vídeo, representan determinados
elementos do propio espazo físico da Sala X sobre os que se superpoñen.
Elementos que Prada combina a súa vez cunha selección de “pequenas obras
que fun producindo no proceso da tese” e que xogan con recomposicións
visuais, a maioría sustentadas na técnica do collage, “que tal e como eu
o entendo xoga con ese achegamento á imaxe desde a realidade, desde
fóra”.
Artigo de Eduardo Muñiz para o Duvi