Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus





18/01/2018
Belas Artes achega a natureza a Unidade de Coidados Paliativos do Meixoeiro


Achegar a natureza ás salas e corredores da Unidade de Coidados Paliativos do Hospital Meixoeiro de Vigo foi a premisa que a artista e alumna de doutoramento da Facultade de Belas Artes Eva Monroy empregou como punto de partida para a intervención artística que desenvolveu para este espazo hospitalario. Partindo dunha selección de dez árbores representativas da paisaxe galega e inspirándose nos debuxos científicos naturalistas, Monroy achegou aos corredores e as salas de reunións e familiares desta planta unha proposta artística xurdida das reunións e das necesidades expostas polo persoal deste centro hospitalario.

“Antigamente, esta planta estaba noutro hospital, no Nicolás Peña, rodeada de moita natureza, que agora no Meixoeiro teñen máis lonxe”, relata Monroy dunha iniciativa no que esa distancia respecto dunha contorna verde serviu como punto de partida para un proxecto que naceu da iniciativa da psicóloga e traballadora social desta unidade, que contactaron con Belas Artes co propósito de dar forma a un proxecto que contribuíse a que tanto os e as pacientes como as súas familias “estivesen o mellor posible durante o tempo que permanecen alí”, como relata esta titulada en BBAA e estudante de doutoramento. Foi a través da asociación de ex-estudantes Rede por Belas Artes como Monroy presentou á Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) do Sergas en Vigo o proxecto que recentemente plasmou nas súas paredes.

Follas e flores no corredor

“A psicóloga comentábame como os pacientes lles dicían que os situasen a carón da venta, era como que precisaban da natureza”, sinala a artista dun proxecto no que traballou “coa idea da paisaxe galega” a través da selección das follas de dez árbores, “que distribuín debuxándoas no corredor”. Así, polas súas paredes espállanse follas de carballo, castiñeiro, piñeiro ou bidueiro, complementadas á súa vez por seis cadros que “imitan a estética dos debuxos científicos naturalistas de flores silvestres” e nos que representa as súas flores, pintadas en acuarela e cosidas, xunto a unha pequena descrición da especie e das súas características.

Esta intervención viuse complementada á súa vez polas follas de tileiro, inspiradas tamén nos debuxos científicos, pero nunha liña xa “un pouco máis abstracta”, que recreou na sala destinada a familiares, mentres que unha paisaxe de espigas completa esta intervención na sala de reunións que emprega o persoal sanitario, por exemplo, para falar coas familias das e os pacientes. “Ao final traballei un pouco coa idea da que parte tamén a miña tese, na que estou abordando a idea da acumulación e da colección”, explica Monroy dun proxecto no que os vínculos entre o mundo vexetal e o contexto médico permitíronlle representar esa idea de que “cada folla, así como cada paciente, son algo único dentro da humanidade”.

Unha experiencia positiva

Dando continuidade a outra serie de proxectos de intervención artística que o alumnado de Belas Artes desenvolveu nos últimos anos tanto no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo como no Hospital Provincial de Pontevedra, Monroy tivo que enfrontarse neste proxecto, como recoñece, “a unha planta que é dura, xa que non todos, pero moitos pacientes van morrer aí”. Mais o traballo que tentou desenvolver co “máximo respecto” constituíu tamén unha “experiencia positiva”, no persoal e no profesional. Primeiro, “porque de entrada sempre é unha experiencia o desenvolvemento conceptual” que implica un proxecto destas características, pero tamén “pola estancia alí, pola convivencia cos familiares e co persoal, que foi moi positiva”. Nese senso, Monroy pon o acento besa  “interacción cos familiares”, no “feedback” que percebes traballando o carón do que é o público da túa obra, algo que, lembra, “non consegues no taller”


Artigo de Eduardo Muñiz para o Duvi


+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es