Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus





08/02/2018
A sexta Semana de Recollida de RAEE permitiu reunir preto de 100 aparellos


Televisores, impresoras, aspiradoras, ordenadores e monitores, radios, cargadores, ventiladores... A sexta Semana de Recollida de RAEE (Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) permitiu reunir nos diferentes puntos instalados no campus preto dun cento de aparellos e equipamentos, aos que se suman unha morea de cables e compoñentes. Inserida no proxecto Green Campus, a iniciativa levaba a cabo ao longo da pasada semana tiña por obxecto concienciar á comunidade universitaria da importancia dunha xestión adecuada deste tipo de residuos, dado o seu carácter contaminante, así como trasladar, coa colaboración da Oficina de Medio Ambiente da Universidade, os aparatos achegados a un xestor autorizado para o seu tratamento.

“Os resultados son positivos, o que observamos é que é unha iniciativa que vai enraizando cada vez máis entre a comunidade universitaria e que se vai consolidando”, salienta o director da Área de Planificación do campus, Celso Cancela, quen destaca que a participación nesta iniciativa, “aínda que con variacións”, abrangueu os oito puntos de recollida instalados, nas cinco facultades e escola do campus, na Casa das Campás, no Pavillón Universitario e na Escola Infantil. Nese senso, aínda que se tratará de “reforzar” a súa difusión naqueles puntos nos se que rexistrou unha menor participación, Cancela incide no positivo de que “os membros da comunidade universitaria xa tiveran na súa axenda” esta actividade que, ao abeiro do proxecto Green Campus, se desenvolve por terceiro ano no campus e que a finais do presente curso celebrará a súa sétima edición.

A maior participación, en CCSS e da Comunicación e na Casa das Campás

Aínda que se depositaron aparellos en todos os centros, a maior parte dos RAEE reunidos a pasada semana no campus foron depositados na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e na sede da Vicerreitoría. No primeiro centro reuníronse 38 equipamentos, aos que hai que sumar preto de 50 cables e consumibles. Na Casa das Campás depositáronse, xunto cunha ducia de cables, 41 obxectos, entre os que se atopaban elementos como un aspirador, un expremedor ou un ferro de pasar, o que, a xuízo de Cancela amosa que, máis aló do persoal da Universidade, esta iniciativa contou tamén “coa implicación da cidadanía”.


☞Artigo de Eduardo Muñiz para o DUVI

+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es