Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus





16/02/2018
18 reflexións sobre xénero que rachan cos moldes normativos


Empregar a fotografía para reflexionar sobre cuestións de xénero, para abordar a orde sexual imposta, foi o exercicio final que os profesores Mar Caldas e Carlos Tejo propuxeron ao alumnado da materia Técnicas fotográficas, do grao en Belas Artes. Unha selección de 18 dos traballos presentados o pasado curso integran a exposición Sen Moldes, comentarios fotográficos sobre os xéneros, que tralo seu paso polos campus de Vigo e Ourense exhíbese actualmente nesta facultade do campus pontevedrés. A violencia machista, as relacións de dominación, o corpo e a sexualidade ou o xeito de representar a muller son algunhas das cuestións abordadas nunha exposición que busca, como sinala Caldas, “saír dos moldes establecidos e tratar de buscar representacións máis críticas, que contradín dalgunha maneira a norma”.

Patrocinada pola Unidade de Igualdade da Universidade, a mostra, que se exhibe sobre as cristaleiras dun dos corredores do primeiro andar desta facultade, é nese senso o resultado dun proxecto que buscaba en primeiro termo promover unha reflexión co alumnado, levándoo a crear, con fotografías dixitais e analóxicas, unhas series de imaxes “que tiven unha coherencia entre elas” e das que posteriormente foron seleccionadas as obras que integran esta exposición, en base “tanto á súa calidade como á idea de tratar diferentes temas”, segundo explica Caldas. Nese senso, a comisaria deste proxecto salienta como positiva a resposta dada polo alumnado a un exercicio que por primeira vez enfocaron especificamente en cuestións de xénero, unha reflexión que recoñece “moi necesaria” e na que a fotografía permite abordar diferentes cuestións “dunha forma moi directa”. De feito, tralo positivo que resultou a primeira edición dunha iniciativa que “permite dar a coñecer tamén traballos imaxinativos, que rompen coas normas tradicionais de como se representa as persoas e o xénero”, o alumnado de primeiro curso do grao en Belas Artes volverá enfrontarse a este exercicio no presente curso, o que dará pé a unha segunda edición de Sen Moldes.

As reflexións que “non se ven nas fotos”

“Creo que é importante facer unha reflexión sobre isto”, salienta Blanca Rossignoli, unha das alumnas participantes na exposición que este mediodía se presentaba en Belas Artes, quen recoñecía que no seu momento tivera “problemas tratando de escoller que quería facer, porque é un tema que me apaixona”. Dar visibilidade a aquelas mulleres “das que, mesmo nesta facultade onde o xénero é un tema que está moi presente, non escoitamos falar” converteuse no motor do tríptico que presenta nunha exposición na que Lara Castro, pola súa banda, achega unha reflexión sobre como “o amor entre as persoas non ten xénero en realidade, ou non debería telo”. Unha idea que esta alumna aborda tamén a través dunha serie de tres fotografías que retratan “un afecto difícil ou diverxente” nun “espazo onírico”, e que, recoñece, “serviume tamén para reflexionar sobre o que eu mesma pensaba sobre este tema da identidade de xénero”.

Nesa mesma liña, Anubis Muñoz incide en que, máis aló das imaxes finais, o proceso de traballo impulsaba reflexionar “sobre moitas cousas que non se ven nas fotos, ata que chegas finalmente ao que queres mostrar”. No seu caso, a idea dunha “muller forte” que rachase cos estereotipos vinculados á idea do “sexo débil”, mentres que Nicolás López optou por pór de relevo o “atrevido e valente” que supón nesta sociedade para un home vestir roupas femininas. “Era un tema que nunca tratara, e para min foi un atrevemento”, recoñece este alumno dun traballo que “inspírase moito en fotos de estudo de artistas masculinos identificándose co seu lado feminino”.



☞Artigo de Eduardo Muñiz para o DUVI

+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es