Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus





21/02/2018
Manuel Reigosa anuncia a súa candidatura a reitor da Universidade de Vigo


O profesor e investigador Manuel Reigosa Roger, catedrático de Fisioloxía Vexetal, aspira a ser o próximo reitor da Universidade de Vigo. Presentarase ás eleccións do vindeiro 23 de abril como principal cara visible dun novo proxecto denominado H2040, Horizonte 2040, un nome que fai referencia ao futuro xa que, segundo explicou, o seu obxectivo prioritario é xuntar os esforzos de todos e todas para chegar a ese ano 2040 ben preparados. “Fágoo con toda a ilusión do mundo. Levo nesta Universidade desde antes mesmo da súa creación, pois xa era profesor aquí cando se produciu a segregación das tres universidades galegas e temos moita ilusión por levar de novo esta Universidade á primeira división”, explicou o catedrático tras ser elixido candidato por unanimidade nunha asemblea celebrada na sala de xuntas da Escola de Enxeñería Industrial, acto no que estivo arroupado por docentes dos tres campus, persoal de administración e servizos e representantes do alumnado.

“Este é un proceso longo no que levamos investido moito tempo, de feito nos últimos catro anos actuamos de facto como oposición, tanto no Consello de Goberno como no Claustro. Trátase tamén dun proxecto común e compartido do que formamos parte moitas persoas”, explicou Reigosa, quen fixo fincapé en que para o seu grupo o grande obxectivo é recuperar “a Universidade das persoas e, se ben somos conscientes de que hai cousas ben feitas na Universidade de Vigo, de feito en moitas clasificacións aparecemos en lugares destacados, vemos que nesta última etapa houbo bastante sufrimento das persoas, cunha carga de traballo en moitos casos excesiva e que provocou que moita xente xa no se sinta a gusto”, explicou Reigosa.

Pagas extras e redución da carga máxima docente, medidas estrela do seu programa

O xa candidato a reitor insistiu na necesidade de programar a Universidade do futuro, de aí o nome da agrupación, Horizonte 2040, “porque na nosa cabeza esa é a universidade que temos programada, a do 2040, e para acadala o fundamental para nós son os recursos humanos. Entendemos que o maior valor da nosa Universidade, como o de calquera outra organización humana, reside nas persoas e, en consecuencia, queremos que a Universidade de Vigo estea gobernada por e para as persoas”, subliñou Reigosa, quen aproveitou este acto para presentar as que serán dúas das medidas estrela do seu programa: a recuperación das pagas extras para todo o persoal e a redución da carga máxima docente para o PDI, establecida nestes intres, tras a aplicación da denominada Lei Wert, en 320 horas anuais e que, a xuízo do seu grupo, podería reducirse a 280 horas e, progresivamente, a 240, que era a cantidade establecida antes de entrar en vigor esta normativa, unha medida que beneficiaría, segundo defenderon, tanto ao profesorado como ao propio alumnado, “xa que a calidade da docencia melloraría de xeito considerable”, insistiu o candidato. A estas dúas medidas Reigosa engadiu un terceiro eixe programático que iría dirixido ao establecemento de criterios sinxelos, claros, transparentes e negociados para a promoción e consolidación, tanto do persoal docente e investigador como do de administración e servizos.

Entre as liñas programáticas básicas defendidas polo novo grupo destaca, sobre todo, a necesidade de garantir a igualdade de oportunidades no acceso e seguimento dos estudos universitarios; a dignificación e valorización da calidade da docencia; a negociación dunha nova Relación de Postos de Traballo para o persoal de administración e servizos; a revitalización dos órganos de goberno como lugares de participación, debate e decisión; a intensificación da captación de estudantes de grao, posgrao e doutoramento e a mellora das canles de comunicación co alumnado.

“Desde sempre” na política universitaria

Catedrático de Fisioloxía Vexetal e director do grupo de investigación Agrobioloxía Ambiental, Manuel Reigosa, leva “desde sempre”, como el mesmo recalca, involucrado en tarefas de política universitaria. Ademais do seu labor investigador, ten publicados máis dun centenar de artigos en revistas de alto impacto, foi durante oito anos decano da Facultade de Ciencias –dividida hoxe en Bioloxía, Ciencias do Mar e Química-, director de Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo; vicerreitor de Investigación con Alberto Gago e, recentemente, formou parte da comisión encargada da redacción dos novos Estatutos da Universidade de Vigo aprobados no Claustro do pasado mes de xaneiro.


☞Artigo de B. Besadío para o DUVI

+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es