Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus





14/03/2018
Unha historia nacida no Líbano, asinada por un alumno sénior


“Trátase dunha novela, pero esta baseada en feitos reais”. Deste xeito presenta o alumno do Programa Universitario para Maiores José Victorio Moure ¿Omar o el Sargento Michel?, o libro de ficción ambientado no Líbano no que relata a historia dun sarxento francés que se infiltra na organización chií libanesa Hezbolá. Un libro que, como recoñeceu na presentación promovida pola asociación de alumnado sénior do campus Asaexs, parte do seu interese e as súas vivencias nun país no que, como militar, participou nunha misión de Nacións Unidas en 2006 con motivo do conflito entre o exército israelí e o brazo armado de Hezbolá.

“A raíz disto, máis aló do ámbito profesional, animeime a saber máis Oriente Medio e os grupos que alí operan”, relata este alumno do ciclo intensivo do Programa para Maiores. "Namoreime do país. Impactoume moito a personalidade da súa xente, moi intelixente e encantadora, que, daba igual da etnia que fose abríache as portas da súa casa”, engade Moure, quen, non obstante, tamén incide na conflitiva historia dun estado “no que un dos seus ditos é que non hai unha xeración que non coñeza unha guerra”. Nese senso, recoñece que no libro buscaba tanto que cada un dos seus 30 capítulos sexa “unha pequena aventura dentro da novela”, que comeza coa formación do sarxento en Francia e remata coa súa fuxida ao Iemen, como que o libro permita tamén abordar “a idiosincrasia do Líbano, a súa política, a constitución tan peculiar que teñen...”.

O libro editado por Ediciones Cardeñoso constitúe ademais a segunda novela, tras Amando la Libertad, deste militar retirado, que recoñece que a literatura e a escritura "é algo que sempre me gustou”. De feito, ademais de atoparse iniciando o seu terceiro libro de ficción, Moure ten exercido como colaborador de xornais e publicado diferentes artigos sobre cuestións relacionadas con Oriente Medio, ao tempo que é un dos participantes activos en Gaudeamus, a revista dixital que realiza o alumnado sénior do campus, baixo a dirección do tamén alumno Miguel Ángel Yebra, e que hai unhas semanas estreaba o seu quinto número.

Asaexs dótase dun agasallo de seu

Esta presentación, na que o autor estivo acompañada polo presidente de Asaexs, José María Fernández, e pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Ana Acuña, intégrase nas actividades desta asociación de alumnos e ex-alumnos sénior, que recentemente celebraba tamén a presentación de Campus de Pontevedra, un cadro elaborado por outro alumno sénior, Néstor Rodríguez Pallarés, que a asociación empregará, a través da edición dunha serie de láminas numeradas, como agasallo para os seus colaboradores e colaboradoras. “Eu tiña a idea de facer un cadro da cidade de Pontevedra canto xurdiu a idea de facer estas láminas e o que fixen foi reorientar un pouco o tema”, explica o autor dunha obra no que a ponte que conecta o campus coa cidade vese completada cunha serie de representacións de anxos e figuras esculpidas polo Mestre Mateo co propósito de aludir a algunhas das áreas do saber presentes nos centros do campus.


☞Artigo de Eduardo Muñiz para o DUVI

+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es