Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus





15/03/2018
Belas Artes estreita lazos con Xordania


A Facultade de Belas Artes é un dos 18 dos centros de ensinanzas artísticas superiores de España que integran o consorcio Cartes, unha iniciativa impulsada pola ESAD Antonio Faílde de Ourense que, no marco da acción Erasmus+ Ka107, busca fomentar as relacións e acordos entre os integrantes deste consorcio e organismos de educación superior de diferentes partes do mundo, fóra da Unión Europea. Entre elas Oriente Medio, desde onde esta semana chegaron ao campus tres profesores da Universidade de Xordania, a principal e máis antiga institución de educación superior deste país. “O obxectivo deste programa é poñer en contacto a dúas institucións co propósito de iniciar conversas”, salienta o vicedecano de Relacións Internacionais, Carlos Tejo, da que é a “primeira aproximación da facultade a unha universidade de Oriente Medio”.

Khaldoun Hijazin, Ghassan Abulaban e Ihsan Hammori son os tres docentes das áreas de debuxo, pintuar e deseño multimedia da Facultade de Artes desta universidade con sede en Amman, que, ao abeiro deste proxecto, coñecen ao longo desta semana o funcionamento e as titulacións de Belas Artes, dando continuidade a estadía realizada previamente por Tejo en Xordania. “Gran parte da nosa visita céntrase en ver os currículos educativos dos diferentes programas”, salienta Hizajin do que é primeiro contacto da facultade xordana cunha universidade española. “Un dos nosos obxectivos é que os nosos programas sexan adecuados para cando o noso alumnado marcha fóra a continuar os seus estudos”, engade nese mesmo senso Abulaban, quen explica que a súa facultade busca adaptar os seus estudos para evitar o que, por exemplo, xa lles acontece a aqueles titulados e tituladas que marchan a Estados Unidos a cursar estudos de posgrao, “que atopamos que tiñan que cursar primeiro un semestre para logo continuar co mestrado”.

Nese senso, recoñece como “moi interesante” o seu achegamento a unha facultade na que, ademais do grao en Belas Artes, acolle tres mestrados, un programa de doutoramento e os Estudos de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga). “Atopámolo moi interesante, porque cobre todos os aspectos do ensino no campo das artes o que para nós é un reto”, engadiu Abulaban. Nese mesmo senso, Hamouri incide no positivo desta “experiencia de aprendizaxe moi inspiradora”, como punto de partida para futuras colaboracións. “É unha boa oportunidade para continuar a histórica relación entre Oriente Medio e España”, engade nese mesmo senso Hijazin.

Reunións, visitas...

Ademais de coñecer a facultade e o seu funcionamento, os profesores xordanos mantiveron tamén un encontro co vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, quen destacou o positivo deste tipo de iniciativas “en termos de internacionalización, de poñer a Pontevedra no mapa e en particular ao campus e á Facultade de Belas Artes”. Deste primeiro contacto, engadiu, “poden xurdir novas vías de colaboración a nivel de mobilidade e titulacións, pero tamén de investigación”, á vez que se promove “un intercambio cultural moi interesante”. Nese mesmo senso, Tejo, que xunto ao director do Departamento de Pintura, Jesús Hernández, acompañou aos investigadores xordanos nesta recepción, explica que “estes contactos iniciais están pensados para permitir que, nun futuro, poida haber outro tipo de mobilidades estables con eestudantes, profesores e grupos de investigación, ou potenciar proxectos de I+D”.

Por outra banda, a estadía destes docentes abrangueu tamén unha xuntanza co director do Centro Galego de Arte Contemporánea, Santiago Olmo, e unha visita á ESAD Mestre Mateo, en Santiago, xunto cunha reunión, na mañá deste xoves, co grupo de investigación DX5 e unha visita a unha empresa de deseño fundada por ex-alumnos da facultade.

E actividades formativas

A estadía serviu así mesmo para achegar ao alumnado de Belas Artes á pintura contemporánea en Oriente Medio, a través da conferencia que este mediodía impartiu Abulaban. Artista, poeta e crítico, este docente atesoura tamén unha ampla traxectoria como instrutor en procesos de arte terapia, que foi precisamente o eixo do taller que luns e martes desenvolveu na Casa das Campás. Coas súas 15 prazas cubertas, este obradoiro buscou achegar aos e ás asistentes ao potencial da arte para superar procesos traumáticos e coñecerse mellor a un mesmo. “A verdade é que resultou unha grande experiencia, os estudantes amosáronse moi implicados, traballando de xeito colaborativo”, salienta Abulaban.


+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es