Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus





22/03/2018
Menores en risco de exclusión exploran a súa creatividade coa animación


“Penso que a educación artística está demasiado esquecida e este é o meu gran de area para cambiar a situación”, salienta Eva Antelo, estudante do grao en Belas Artes e responsable do taller sobre animación que nestas semanas desenvolve con cinco menores en risco de exclusión social no Centro de Atención de Día de Aldeas Infantiles en Vigo. A actividade, que se insire no programa de voluntariado que a facultade mantén con esta organización de axuda á infancia, ten como propósito que nenos e nenas poidan desenvolver o seu potencial creativo e artístico, expresar as súas emocións e mellorar a súa autoestima.

“O proxecto que levamos a cabo coa axuda do voluntariado da Facultade de Belas Artes ten como meta que os mozos dos Centros de Atención de Día que Aldeas Infantiles ten en Galicia poidan levar a cabo actividades de expresión artística que lles sirvan de ferramenta de transformación persoal e integración social”, engade a representante desta ONG Patricia Aguete respecto do proxecto de educación artística que desenvolven desde 2012 con esta facultade. Un proxecto, que ao abeiro do programa de voluntariado que coordina a profesora Loreto Blanco, leva ao alumnado a deseñar e pór en práctica unha serie de talleres orientados ao desenvolvemento da creatividade de nenos e nenas, iniciativa á que se suman tamén os talleres que o alumnado da facultade realiza tamén con diferentes organizacións que traballan con persoas con diversidade funcional ao abeiro dun convenio coa Plataforma de Accesibilidade Solidaria de Vigo.

Un xeito de amosarlles que as súas ideas contan

No taller que desenvolve nestas semanas, Antelo decantouse pola animación stop-motion, “porque incluía varios aspectos, como a creación dunha historia, a súa realización e a posta en práctica visual desa proposta”, ao tempo que permitía tamén que nenos e nenas puidesen coñecer “un pouco por dentro o mundo do cine e da animación”. Nese senso, a primeira tarefa pasaba por definir unhas historias para as que Antelo optou por non propor “ningunha temática en concreto” co propósito de articular “unha especie de collage coas historias de cada un deles”. A partires de aí, a seguinte fase centrase en achegarse a diferentes técnicas de gravación, “desde o stop-motion con persoas”, á animación clásica a través do debuxo, “e ao mellor tamén o stop-motion con plastilina, que era a idea orixinal”. Traballos aos que se sumará a creación dos “decorados necesarios e os grupos de traballo”, así como o achegamento a programas informáticos cos que realizar a montaxe final.

Diferentes iniciativas que teñen como obxectivo final, sinala Antelo, que o taller contribúa a “aumentar a súa seguridade en si mesmos, demostrándolles que a súa opinión conta, que as súas ideas son válidas, por tolas que parezan, e que son capaces de calquera cousa que se propoñan”. Nese mesmo senso, Aguete pon o acento en que o propósito central destes talleres é que permitan a nenos e nenas “explorar a súa capacidade creadora e o seu potencial artístico como forma de descubrir os seus talentos e desenvolver confianza en si mesmos”. De feito, trátase dunha actividade limitada a cinco menores, explica, “porque así se consegue un dos principais obxectivos, que é utilizar a arte para afrontar e superar problemas, expresar emocións ou mellorar a autoestima”.

Tras varias sesións de traballo, Antelo recoñece que a súa experiencia como voluntaria neste Centro de Atención de Día está a resultar “moi enriquecedora”, ao permitirlle “poñer en práctica o aprendido” na facultade e traballar cun grupo de nenos e nenas, aos que trata tamén de achegar á arte e á creatividade como “algo cotián e non como un traballo de plástica puntual”. Tamén amosa a súa satisfacción respecto de como está a resultar a experiencia Patricia Aguete, que recoñece que ao tratarse da primeira vez que centraban un taller deste tipo en nenos de entre 8 e 12 anos, xa que ata o de agora participaban menores de entre 12 e 17, “tiñamos medo de que non funcionara”. Un medo finalmente desbotado grazas “ao bo facer de Eva” e as “gañas de traballar e curiosidade” deste grupo de rapaces.


☞Artigo de Eduardo Muñiz para o DUVI

+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es