Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus





23/03/2018
As probas de acceso a CC da Actividade Física e do Deporte manteñen aberta a súa inscrición


No plan de estudos do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte figuran “unha serie de materias moi específicas relacionadas directamente coa actividade física e o deporte, que teñen uns requirimentos físicos mínimos para poder realizar as súas prácticas”, explica o decano da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Vicente Romo, da motivación das probas de aptitude física para o acceso á titulación que deberán superar todos aqueles e aquelas que queiran cursar este grao. Ata o 19 de abril permanece aberto o prazo de inscrición nunhas probas que se levarán a cabo o 24 de maio e o 20 de xuño nesta facultade do campus pontevedrés e no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

Segundo recollen as bases da convocatoria, tanto as persoas acreditadas como deportistas de alto nivel e alto rendemento como aqueles e aquelas que superasen estas probas no ano 2017 estarán exentos de superar este requisito previo para optar a unha praza nesta titulación “que cubre cada ano a totalidade das súas prazas”, como lembra Romo, e na que será o expediente académico o que, unha vez superadas as probas, decidirá o acceso ao grao. Nese senso, o decano subliña que “se trata de probas moi sinxelas, que en xeral superan case todos os aspirantes” e que teñen como propósito garantir eses niveis mínimos de condición física, habilidade ou resistencia que permitan o correcto desenvolvemento das competencias da titulación.

Sete probas, dúas datas

Adaptación ao medio acuático, forza explosiva dos membros superiores e dos inferiores, axilidade con obstáculos, mobilidade articular, habilidade ximnástica e resistencia aeróbica constitúen os sete exercicios que integran estas probas, dos que o alumnado deberá alcanzar as marcas mínimas recollidas no regulamento en seis, incluído o de adaptación ao medio acuático, que ten carácter obrigatorio, para obter a cualificación de apto. As e os inscritos disporán de dúas oportunidades para superar estas probas, unha primeira o 24 de maio e unha segunda o 20 de xuño. Así mesmo, explica Romo, este requisito previo considérase tamén acadado por todos aqueles e aquelas que superen estas probas física “en calquera outra universidade española ou que as superaran xa o ano pasado”.

Por outra banda, o decano lembra tamén que a realización destas probas “imprescindibles para o funcionamento da facultade”, e nas que o pasado curso se inscribiron preto de 200 persoas, é posible “grazas a colaboración activa de todo o profesorado do grao”, á que se suma a "enorme colaboración" Delegación de Alumnado, que “dá a posibilidade de facer prácticas das diferentes probas o día anterior á súa celebración”.


☞Artigo de Eduardo Muñiz para o DUVI

+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es