A converxencia de tradición e contemporaneidade, a través dunha
colección que emprega tanto o encaixe como tecidos tan tradicionais coma
o liño, que Silvia Marra e Noemí Vidal articularon no seu proxecto Maruxa,
serviu a estas dúas alumnas dos Estudos de Deseño Téxtil e Moda de
Galicia (Esdemga) para facerse, na noite deste domingo, co segundo
premio no certame de deseñadores novos da XXVIII Mostra do Encaixe de
Camariñas. “A verdade é que foi unha sorpresa”, recoñece Marra tras
saberse unha das premiadas nun certame no que o primeiro premio foi para
a colección Royalty, de Jorge Álvarez García, e no que o xurado tamén distinguiu o proxecto Moldes, de Marta del Río, ao que se suma ao premio do público outorgado a Pablo González Moreno.
Deste xeito, Marra e Vidal dan continuidade, con Maruxa, ao
recoñecemento xa obtido na anterior edición deste certame, no que todas
as propostas deben inserir como condición indispensable nas súas prendas
o encaixe que centra esta mostra, pola tamén alumna de Esdemga Teresa
Búa. Tras seren seleccionadas finalistas do certame, Marra e Vidal
presentaron os catro estilismos que integran Maruxa nos
desfiles que se sucederon entre o xoves e este domingo nesta localidade
da Costa da Morte, nun evento que se pechou na tarde do domingo coa
entrega de premios. “É a primeira vez que participo nun certame de moda e
a verdade é que foi tamén unha oportunidade para facer un traballo en
equipo”, recoñece Marra do proxecto que desenvolveu conxuntamente con
Noemí Vidal e do que recoñece como unha "moi boa experiencia" ese labor
conxunto que ao seu proxecto a figurar entre os finalistas da 25 edición
deste Concurso de Noveis Deseñadores de Moda, no que foron recoñecidas
cun segundo premio dotado con 1200 euros.
O relato dunha muller moderna
“Nun momento no que todo o etiquetamos, Maruxa non é máis
que a personificación dun estereotipo, un personaxe singular cun
imaxinario propio, o que hoxe case entenderíamos por marca”. Deste xeito
presentan estas dúas alumnas e deseñadoras unha colección que,
explican, “naceu dunha especie de microrrelato”, da súa idea dunha
personaxe, Maruxa, “unha muller moderna, independentemente do tempo que
lle tocou vivir”, en torno á que articularon esa converxencia de
tradición e contemporaneidade. Fixérono sumando ao encaixe de Camariñas
“un liño galego que fan en Vimianzo”, nunha serie de prendas “pensadas
para ler entre liñas”. Nese senso, explican, coa “elección dos materiais
e a confección pormenorizada, case íntima”, as deseñadoras buscaban dar
forma a un “conxunto que intenta argumentar que o singular e o persoal
só é posible a través dun puzzle no que dialogan o que creas e o que
delegas”.
☞Artigo de Eduardo Muñiz para o DUVI