Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus





03/04/2018
A Universidade acredita o curso de compostaxe da Deputación


O Centro Príncipe Felipe acolleu na tarde deste mércores o inicio da terceira edición do curso de mestres e mestras composteiros que a Deputación de Pontevedra impulsa ao abeiro do Plan Revitaliza. Un curso de seis semanas de duración que, trala sinatura nesta xornada dun convenio entre o ente provincial e a Universidade de Vigo, terá o recoñecemento de título propio da institución académica, dentro da categoría de cursos de formación. Así mesmo, entre as novidades da terceira edición deste programa formativo figura tamén a potenciación da súa parte práctica, unha parte da cal se levará a cabo nos laboratorios da Universidade no campus vigués.

Así se puxo de relevo no acto de benvida aos 30 alumnos e alumnas que integran a terceira promoción deste programa formativo, na que participaron a presidenta da Deputación, Carmela Silva; o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o vicepresidente do ente provincial, César Mosquera, e a deputada delegada do Príncipe Felipe, Eva Villaverde. Este acto viuse á súa vez precedido pola sinatura no Pazo Provincial do convenio, dotado con máis de 29.000 euros, polo que a Universidade de Vigo colabora na organización da formación, será a responsable da titorización e expedirá os correspondentes diplomas ao alumnado.  

Con novidades como a presenza de relatores estranxeiros, xunto a expertos e expertas de diferentes universidades españolas e da propia Universidade de Vigo, trátase dun curso “de enorme importancia” á hora de afrontar os “novos retos da sociedade”, segundo salientou Silva, quen incidiu na súa intervención na directiva europea que obriga a reducir en 2020 a porcentaxe de residuos sólidos. Un curso que conta “cunhas bases moi sólidas” e dirixido a dar resposta “á enorme carencia que hai no mundo de persoas que teñan unha boa formación en residuos e en compostaxe en particular”, como engadiu Mosquera, quen salientou que se trata dun dos proxectos formativos “máis avanzados que hai nestes momentos en Europa” en materia de economía circular.

Unha formación esixente e “ben estruturada”

“O concepto de economía circular empeza por este tipo de iniciativas”, engadiu Salustiano Mato, catedrático de Zooloxía e unha das persoas, como apuntou Villaverde, que tomará parte na formación destes novos 30 mestres e mestras composteiros, que previamente superaron as probas de acceso promovidas pola Deputación para converterse en persoal especializado na xestión de residuos orgánicos de orixe doméstica. 

“Nesta edición conseguimos desenvolver todos os procesos que nos permiten acreditar a formación que iniciades hoxe como un título propio da Universidade de Vigo”, trasladoulles Mato nun acto no que participaron tamén mestras e mestres composteiros formados nas anteriores edicións, aos que engadiu que, unha vez rematado este curso, iniciaranse os trámites para que as persoas formadas nas edicións anteriores "poidan convalidar esa acreditación”. O reitor defendeu este programa formativo como “un curso moi potente e moi ben estruturado”, que proporcionará a estes 30 alumnos e alumnas, entre os que figuran principalmente titulados e tituladas en Bioloxía e Ciencias Ambientais, “un achegamento tecnolóxico, procedimental e metodolóxico para resolver a xestión dos residuos urbanos”. Nese senso, o reitor valorou o novidoso do Plan Revitaliza da institución provincial á hora de poñer o foco da xestión de residuos nas persoas “que saiban traballar e manexar eses residuos”.


☞Artigo de Eduardo Muñiz para o DUVI

+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es