Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus





09/04/2018
Series e cine inspiran os partidos que concorren ás eleccións ficticias de CCSS e da Comunicación


Coa Universidade inmersa na campaña ás eleccións á reitoría do vindeiro 23 de abril, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación deu inicio este luns outra contenda electoral, á que leva a catro grupos de estudantes do grao en Publicidade e Relacións Públicas a definir parte da súa nota na materia Técnicas de comunicación institucional e electoral, nunhas eleccións ficticias ás que concorren con catro partidos creados por eles mesmos. Desta volta, con series de televisión como Narcos e Fariña, programas como o Xabarín Club e o filme Chicas malas fonte de inspiración das catro formacións que concorren ás votacións do xoves 19 A-narcos, O cártel, Xeración X e Superfabu.

Trátase, un ano máis, dunha iniciativa promovida polo profesor Xosé Rúas co propósito de que o alumnado poña en práctica os coñecementos adquiridos na materia sobre a planificación e desenvolvemento de campañas electorais, que este luns arrincou coa pegada de carteis, trala que este mércores terán lugar os mitins das diferentes formacións e o vindeiro mércores 18 o debate entre candidatas e candidatos. “Ao longo da semana negociaremos as condicións do debate”, relata Rúas, dun “xogo de rol”, no que cada partido “ten cada día unha axenda de actividades e unha reunión diaria do seu comité de estratexia para decidir” as accións que desenvolven no propio centro desde esta xornada e ata o vindeiro xoves 19. Ese día, alumnado, profesorado e persoal de administración de servizos da facultade, coa excepción dos propios estudantes implicados, poderán votar entrre as 10.00 e as 18.00 horas, explica Rúas, que sinala tamén que “este ano acurtamos un pouco máis a campaña para que non coincidise coa celebración das eleccións reais”.

Da "estética narco" á defensa do idioma

“Outra das novidades deste ano é que parece que hai dous partidos cunha mesma temática, que é a estética narco”, relata Rúas dunhas eleccións á que concorren os partidos A-narcos e O cártel, inspirado na serie Fariña. “Collemos a estética narco porque somos un partido anarquista, non cremos en xerarquías, e porque imos a traficar co coñecemento”, sinala Alba Martínez, candidata da primeira formación, que optará nesta campaña por promover “que se comparta o coñecemento” entre o alumnado, máis aló “do mercado legal que sería o coñecemento que nos achegan os profesores”.

“Queríamos asociar a nosa idea a algo que estivese en voga, para que a xente o asociase facilmente”, engade Ángel Vázquez, candidato de O cártel, formación que buscará “que a xente se sinta identificada con nós para reivindicar o que eles non conseguen trasladar a decanato e ao profesorado”. A organización dun coloquio dirixido a achegar consellos ao alumnado de primeiros cursos e dunha actividade de “contrabando de apuntes”, así como dotar ao centro un microondas son algunhas das propostas desta formación.

“Queremos desenvolver a creatividade e tamén a idea de que o éxito pode ser unha cousa diferente para cada persoa”, sinala Sara Bouza, candidata de Superfabu, do que será o eixo das actividades que promoverán nos próximos días no centro, co propósito tamén de “que a xente poida pasalo ben”. Inspirado na película Chicas malas, da que extraen a verba que lles da nome, este partido caracterizarase tamén, explican, porque as súas integrantes vestirán de rosa ao longo de toda a campaña.

A idea da “Xeración Xabarín” como un xeito de defender “a creatividade e á volta infancia”, así como uso do galego constitúen  dous dos eixos da campaña de Xeración X, o partido que presenta a Noelia Fontecoba como candidata. “Queremos solucionar moitas das carencias que vemos na facultade, pero sempre a través das propostas que nos dea o alumnado”, sinala a representante dun partido que proxecta promover cursos e xogos no centro, así como unha furna “na que o alumnado poderá dicirlle cousas boas e cousas nas que poidan mellorar aos profesores”.


☞Artigo de Eduardo Muñiz para o DUVI

+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es