Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus





18/04/2018
CCSS e da Comunicación dótase dunha semana internacional


O pasado venres, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense celebraba a clausura da súa xa tradicional International Week, unha semana que permite ao seu alumnado compartir actividades académicas e culturais con estudantes e profesorado estranxeiro. Con este evento como exemplo e como unha das medidas inseridas no plan de internacionalización do grao en Dirección e Xestión Pública, aprobado o pasado mes de xuño, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación impulsa neste mes de abril a súa propia International Week, que entre o martes 24 e o xoves 26 aglutinará os relatorios de investigadores da Gaziosmanpasa Üniversitesi e da Gazi University turcas e da polaca University of Wroclaw.

“O obxectivo desta International Week é fomentar as relacións internacionais da facultade”, sinala o vicedecano de Alumnado e coordinador de Relacións Internacionais, José Pita, dunha iniciativa que se impulsa neste curso por primeira vez con estes tres relatorios, co propósito de que “creza e se vaia implantando progresivamente”. Nese senso, reunir nunha mesma semana, coincidindo coa celebración do patrón do centro, as estadías que, no marco do programa Erasmus+, realiza profesorado estranxeiro na facultade é un dos propósitos dunha actividade que permitirá, explica Pita, “por unha banda, darlles unha mellor atención” aos investigadores e investigadoras doutros países, e por outra, poder ofrecer “ao alumnado unha formación adicional interesante”, a través de conferencias ou, en futuras edicións, seminarios ou actividades culturais. 

Tres conferencias para arrincar

Abertas a todo o público interesado, o programa desta primeira semana internacional ábrese, o martes 27, coa conferencia na que Murat Seyfi, da Gaziosmanpasa Üniversitesi, centrará nas relacións públicas en Turquía, e continuará, o mércores 25, co relatorio sobre participación política, sociedade civil e a “crise da democracia” en Polonia, que as investigadoras Katarzyna Kobielska e Monika Wichlacz centrarán no partido conservador polaco PIS (siglas de Lei e Xustiza en polaco). Xa por último, este ciclo de relatorios en inglés, todos eles programados para as 11.30 horas, pecharase o xoves 26 coa conferencia Social sciences, journalism and information de Tuğba Asrak Hasdemir, da Gazi University.

Inserida no plan de internacionalización do grao en Dirección e Xestión Pública, que ten como eixo central a oferta dunha serie de materias en inglés nesta titulación (30 créditos no presente curso, que se ampliarán a 60 o vindeiro e a 78 no 2019/2020), o propósito desta semana é que sirva para “mobilizar todas as sinerxías posibles”, de tal xeito que  permita “dinamizar toda a facultade”, sinala Pita, que incide tamén na importancia desta plan á hora de reforzar o dominio do inglés entre o alumnado, así como de facer “a facultade máis atractiva para os estudantes estranxeiros”.


☞Artigo de Eduardo Muñiz para o DUVI

+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es