Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus





18/04/2018
Os produtos innovadores ideados por 150 estudantes, en 30 carteis


Unha maleta intelixente, un armario electrónico, unha aplicación móbil que compara prezos de supermercados ou un clasificador intelixente do lixo. Son catro das 30 ideas de innovación de produtos que se plasman nos carteis que integran a exposición Talento creativo e innovador, que desde este martes preside a cristaleira do comedor de Ciencias Sociais e da Comunicación. Inserida no programa de actividades da Semana Internacional da Creatividade e da Innovación, que nesta xornada promoveu tamén unha sesión de traballo sobre transferencia na Casa das Campás, a exposición mostra os resultados do traballo que 150 estudantes dos tres graos que se imparten no centro desenvolveron nun seminario que realizan no marco de diferentes materias relacionadas coa dirección de empresas e o márketing e as habilidades directivas.

Coordinada polos investigadores do grupo G4Plus Pedro Figueroa, Ana Dopico e Daniel Gallego a exposición amosa os resultados dun proceso de traballo dirixido a achegar ao alumnado aos conceptos de creatividade e innovación a través dun caso práctico, no que divididos en grupos tiñan que xerar en primeiro termo, unha serie de propostas de innovación de produtos, unha fase da que saíron preto de 1500 ideas, explican os responsables da exposición. A partires de aí, a actividade na que participaron 95 estudantes de Publicidade e RRPP, 45 de Comunicación Audiovisual e 15 de Dirección e Xestión Pública, abranguía o filtrado das ideas e a selección dos 30 proxectos a desenvolver, xunto co seu plan de márketing e de comunicación. Deste xeito, o obxectivo da mostra, salientou Figueroa na súa presentación, “é intentar visualizar o talento e a creatividade do alumnado”, nunha iniciativa “que englobara” ás tres titulacións, xa que “a creatividade está en todos os sitios”. Nese mesmo senso, o decano, Xosé Baamonde, felicitouse por unha iniciativa “que demostra que na facultade hai moito talento e moita creatividade” nunha presentación na que o delegado de transferencia e emprendemento do Campus Crea S2I e director da EE Forestal, Juan Picos, felicitou ao alumnado participante por unhas “ideas e o ambiente que necesitamos incorporar ao noso discurso”, xa que “o noso produto sodes vós e temos que ser capaces de innovar poñendo en xogo o voso talento”.

Como trasladar o coñecemento á sociedade

O programa desta Semana Internacional da Creatividade e da Innovación abranguía tamén a celebración da xornada A transferencia de coñecemento. Achegando os resultados da I+D+i á sociedade, que a Oficina de I+D da Universidade promoveu nos tres campus co propósito de achegar ao PDI diferentes vías para que o coñecemento xerado no seu labor investigador “teña un retorno social e económico”, como salienta a súa directora técnica, Ángeles López. Unha serie de relatorios sobre recursos e estratexias, instrumentos de apoio á innovación e creación de empresas baseadas no coñecemento integraban o programa dunha xornada dirixida “a abrir a porta a grupos que cren que a transferencia nos seus ámbitos de coñecemento non é posible”. Por iso entre os contidos figuraba un achegamento a exemplos prácticos de transferencia en ámbitos relacionados coas facultades do campus, así como en incidir en que a innovación non é un aspecto ligado exclusivamente ao ámbito tecnolóxico, xa que o coñecemento supón “un valor engadido que podemos achegar a sociedade”, engadiu López.

Esta iniciativa verase sucedida este mércores por unha nova sesión de traballo para o PDI, centrada nas agrupacións estratéxicas, tamén no marco do programa dunha semana que abrangue diferentes conferencias, obradoiros ou actividades culturais. De feito, este martes deu comezo un taller de experimentación audiovisual impartido pola artista e videocreadora María Cañas e realizado en colaboración co festival Novos Cinemas, así como un seminario sobre relaxación e control de estrés a través do ioga, promovido co Gabinete Psicopedagóxico e impartido polo profesor Vicente Novegil, complementado coa edición duns marcapáxinas que reúne unha serie de exercicios para persoas que realizan actividades sedentarias.


☞Artigo de Eduardo Muñiz para o DUVI

+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es