Campus de Pontevedra
Inicio Contactar Mapa web Buscar Facebook Twitter



    Menú principal
    Extensión Universitaria
    Green Campus





02/05/2018
Os sons dos “momentos de transición” chegan á Casa das Campás


Instrumentos dixitais cuxa forma foi inspirada por "xestos sonoros" constitúen a base de A Moment of Transition, a performance sonora que este mércores 2 de maio interpretará na Casa das Campás o artista e investigador Enrique Tomás. Profesor na Universidade das Artes e do Deseño de Linz (Austria), Tomás centra o seu traballo na intersección entre arte e tecnoloxía, dous aspectos que abordará tamén na conferencia e no obradoiro que impartirá esta semana na Facultade de Belas Artes, despois de presentar, nu evento con entrada libre ata completar aforo, unha perfomance centrada neses “momentos de transición que se crean entre a manipulación dos obxectos e a aparición da música. Dous días despois, a música continúa no Teatro Principal, onde a Vicerreitoría do campus promove un concerto, con entrada libre ata completar aforo, na que a violista pontevedresa Lorena García e o pianista ruso Yaroslav Kolpakov interpretarán pezas de pezas de Rebecca Clarke, Paul Hindeminth e Robert Schumann.

Tres opcións para achegarse á música experimental

A combinación de son, arte e tecnoloxía definen a produción artística de Enrique Tomás, que ten presentado os seus traballos en festivais como o Ars Electrónica ou o Sónar. Así mesmo, o seu labor investigador no campo das novas interfaces para a creación musical experimental foi apoiado e premiado con bolsas de Teléfonica Vida, Fundación Phonos, Academia de Belas Artes de Viena, Rede ENCAC, Cannes Corporative Film Festival ou o Consello de Arte de Madrid. Da man do grupo de investigación DX7 da Facultade de Belas Artes, chega esta semana a Pontevedra para promover tres achegamentos ao este labor investigador e artístico. Entre eles, a performance A Moment of Transition, sustentada nuns instrumentos dixitais aos que dá o nome de embodied gestures, complementada no concerto programado para este mércores ás 20.00 horas coa interpretación da obra sonora multicanle SDR (Software Defined Radios), unha peza na que explora o espectro de radio de varias cidades europeas “construíndo unha paisaxe sonora artificial con rangos extremos de frecuencias e amplitudes”.

Nesa mesma xornada, Tomás impartirá, ás 12.00 horas, unha conferencia en Belas Artes na que, baixo o título de The action of the hand, proporá unha reflexión sobre “as relacións táctiles e ópticas na produción da arte”. Concretamente, presentará o seu traballo ArtEZ ConversatoroiumTanxible Scores (partituras tanxibles), un aspecto no que tamén afondará o xoves 3 no obradoiro Música Tanxible, dirixido ao alumnado desta facultade. A produción de interfaces musicais táctiles para o control de son, sustentadas no uso de tecnoloxías como sensores e microcontroladores, será o eixo dun taller no que os e as participantes poderán construír e probar prototipos de instrumentos e abordar o deseño de interfaces musicais. Por outra banda, a visita deste artista e investigador ao campus será aproveitada tamén, como sinala o profesor Ignacio Barcia, coordinador destas actividades, “para explorar vías de colaboración cunha institución de referencia” como é a Universidade das Artes e do Deseño de Linz.

De Holanda a Pontevedra

Na cidade holandesa de Zwolle é onde comeza a traxectoria como dúo da pontevedresa Lorena García Fernández e o ruso Yaroslav Kolpakov, que o venres 4 completan as propostas musicais impulsadas pola Universidade en Pontevedra na presente semana. No ArtEZ Conversatoroium desta cidade holandesa realizaron ambos os seus estudos de mestría en música clásica, previos á conformación dun dúo que os levou por escenarios de diferentes países europeos, e que  este venres interpreta, a viola e ao piano, un repertorio sustentado nas sonatas de Rebecca Clarke e Paul Hindemith, xunto con pezas de Robert Schumann. "Cada peza está composta por tres movementos e en dúas delas predominan os temas fantasiosos, a sonata de Hindemith chámase Fantasie (Fantasía) e a de Schumman Fantasiestucke (Pezas de Fantasía)", sinala García do repertorio escollido para esta actuación, no que as composicións de Schumann e Clarke comparten así mesmo "o uso das conexións temáticas empregando un mesmo tema en distintos contextos".

"Para min este é un concerto moi especial, por ter a oportunidade de tocar no teatro da miña cidade, permitíndolle á miña familia e amigo sacudir ao concerto sen ter que desprazarse lonxe, algo que non me pasa tan frecuentemente", sinala desta actuación a pontevedresa Lorena García, que iniciou os seus estudos de viola no conservaotiro Manuel Quiroga, para logo continualos no Conservatorio Superior de Vigo e na Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago de Compostela. Na súa traxectoria, García Fernández ten actuado xunto a formacións como a Real Filharmonía de Galicia, a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, a Cameratta Rotterdam ou a Holland Orkest Combinatie. Yarsolva Kolpakov, pola súa banda, completou os seus estudos de piano no Muziek-collège ruso, antes de participar en varios concursos nacionais e internacionais, sendo recoñecido en certames como o concurso Rostropovich de Orengbur, o concurso internacional de Estocolmo ou o concurso da Fundación LISMA en Nova York.


☞Artigo de Eduardo Muñiz para o DUVI

+ Voltar


 
Vicerreitoría do Campus de Pontevedra| Casa das Campás, Rúa don Filiberto 9-11. 36002 Pontevedra | Tlf: +34 986 80 20 80 | vic.pon@uvigo.es